Decenas de pequenos de Moaña acudiron onte á inauguración da mostra "Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego", instalada cunha carpa no paseo marítimo da vila. O acto de apertura de portas de onte era especial, pois contou coa participación dos Bolechas, as famosas personaxes de contos de debuxos que transportan aos nenos galegos a un sinfín de aventuras. A exposición conta cos Bolechas como protagonistas especiais e a participación onte das propias personaxes fixo que a carpa se quedara pequena para acoller a tanto neno. As fotografías cos Bolechas estiveron moi solicitadas, así como co seu coche clásico decorado para a ocasión.

A mostra, organizada pola Deputación de Pontevedra, estará aberta en Moaña o 20 de setembro entre as 10.00 e 13.30 horas polas mañás e entre as 16.00 e 20.00 horas de tarde. Está aberta tamén a visitas concertadas dos colexios, agora que está a piques de comezar o novo curso escolar. Os sábados e domingos o horario de apertura prolóngase ata as 21.00 horas.

A exposición ten a función de, a través de xogos, formar aos pequenos sobre as variedades dialectais do idioma propio, centrando a atención sobre todo na diferenza de léxico e de pronuncia entre os bloques occidental, central e oriental do galego.

Trátase dunha mostra interactiva, con mapas e interruptores que os cativos poden pulsar para escoitar as distintas pronuncias ou nomes para referirse a un mesmo obxecto.

Nomes de árbores e de prantas que poden variar dunha bisbarra a outra ou un "ghaliñeiro máxico" con pulsadores" son algúns dos apartados desta mostra. Ademais, os pequenos que acudan poden gozar dunha piscina de bólas e dun xogo grafiado sobre o chan, similar ao clásico xogo da oca pero mediante o cal os rapaces teñen que superar distintas probas.

Na inauguración estivo presente o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, que animou aos pequenos a "xogar e aprender neste parque temático dos Bolechas".

A alcaldesa, Leticia Santos, anunciou que o sábado 15, ás 19.00 horas, no mesmo lugar o autor dos Bolechas, Pepe Carreiro, presentará un novo libro con Moaña como protagonista. "As coñecidas personaxes visitarán puntos como O Fisgón ou participarán en competicións de traiñeiras", relatou. Todos os asistentes á presentación poderán levar, cun prezo de 8 euros, un exemplar do último libro de Pepe Carreiro.