Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antón Reixa: "A Galicia Caníbal mantense entre os galegos; temos identidade"

Os Resentidos abren hoxe os concertos no escenario de Castelao

O descaro e enerxía dun dos grupos máis emblemáticos da movida viguesa, Os Resentidos, chega a Cangas por primeira vez. O concerto será esta noite ás 22.00 horas, como anticipo a outra banda de rock español, Burning. A voz principal, Antón Reixa, prepara un libro no que conta a súa experiencia de coma tras o seu accidente.

-É a súa primeira vez en Cangas con Os Resentidos. Nun dos seus programas tiñan unha canción que facía referencia a esta terra. "Elas son de Cangas, non son de Arkansas, de Cangas City". ¿Como xurdiu?

-A verdade é que tocamos por moitísimos lugares de Galicia, pero nunca aquí. Tiñamos moitas ganas de vir e foi unha sorpresa enorme para nós que nos chamaran. Tras o meu accidente non pensabamos volver tocar e fixemos un parón na xira. Por iso que pensaran en nós animounos moito e vimos con ganas. En canto ao da canción [risas] era do programa "Sitio Distinto", que tivo trece emisións. Foi unha canción real, porque as azafatas eran de Cangas e de aí xurdiu a idea e sintonía.

- No concerto desta noite veremos aínda presente o voso punk , rock e descaro tan recoñecibles?

-Despois de tantos anos, para Os Resentidos, que compuxemos sobre 120 ou 130 cancións, non é doado facer unha selección para os concertos. Normalmente as que máis aguantan son as cancións máis rabudas e irascibles. O noso tributo á música popular das verbenas aínda seguirá presente. Teremos algún tema novo que segue nesa liña máis dura, con temática social descarada. Por exemplo, unha que fala da fantasía que sería ter unha impresora de diñeiro, como iso cambiaría o mundo e a miseria.

-Que é para vostede ser un Resentido, musicalmente falando?

-É unha forma de ver a música. Nós nacimos como un grupo alternativo e independente. Musicalmente ser un Resentido sería como diría Valle Inclán, "deformar as cousas", a música, é ser algo moi rabudo. Nós vivimos nunha época con propostas moi ruidistas, alternativas, con letras moi sarcásticas e iso é o que pervive no grupo. Estou moi agradecido á vida por ter formado parte do rock and roll, foron os mellores anos das nosas vidas. Eramos unha xeración de galegos sen complexos, que os levabamos como bandeira característica do grupo. De aí o triunfo de "Fai un sol de carallo".

-E tamén pervive a Galicia Caníbal que tanto evocou?

-Claro. A Galicia Caníbal mantense entre os galegos, porque temos unha forma moi intensa de identificarnos. Temos identidade. Somos un pobo inmigrante e de exiliados, pero adaptámonos moi ben. Somos unha etnia diferencial e nada molesta, sen complexos, defendemos os tópicos que son nosos.

-Ten en mente algún proxecto futuro á marxe da música?

-Espero seguir tocando así a pequena escala, pero a verdade é que estou pendente de publicar un libro no que falo do tempo que pasei en coma tras o accidente. Eu xa viña publicando poesía, pero esta experiencia de 18 días en coma necesitaba transmitila ao mundo. Quería facer unha reflexión e compartila. Foi como se saira dun mundo neboento. Cando espertei pensaba que me atopaba en Michigan. Foi unha experiencia moi traumática e dura, é a vida e a morte. Sen dúbida cámbiate totalmente, pos en valor o que tes e á xente máis próxima. Agradeces aos que estiveron aí e te coidaron, es menos ególatra, queres compartir máis cousas e es máis solidario.

Compartir el artículo

stats