Habelas Hainas, formada integramente por mulleres; os vascos Korrontzi, os granadinos Eskorzo, e Banda Xangai, que colle prestado o nome do tren que durante décadas uniu Galicia e Cataluña, animarán mañán a 19ª edición da Festa Folc de Vilariño, que previsiblemente continuará ata ben entrado o domingo coas gaitas, tambores, bombos, requintas, pandeiros e pandeiretas dos espontáneos que se espallan pola praia para disfrutar da música tradicional nesta paraxe.

Pero a Festa Folc de Vilariño non se reduce á noite. A aldea esperta coa "Treboada do ghato", un pasarrúas con bombos que enfila David Cal e percorre todos os recunchos de rúas e bares anunciando o inicio. Tamén hai obradoiros para a rapazada (manualidades e actividades de conciencia medioambiental) nas carpas da praia e unha mostra de instrumentos de música tradicional que inclúe gaitas, zanfonas, arpas, bombos. Mesmo unha gaita eléctrica, así como traxes tradicionais galegos, que poden adquirirse nun posto de venda.

Ao mediodía comezarán os preparativos do xantar popular na mesma praia con delicias gastronómicas como mexillóns ou churrasco e outros produtos para que a xente colla folgos con que afrontar a longa xornada e contribúa a financiar a festa. Iso si, con prezos moi asequibles. Tamén comezarán os xogos populares: carreiras de sacos, habilidade, corda e divertimentos para fomentar que aos máis pequenos se unan tamén os maiores.

Ás 20.30 horas dará inicio un obradoiro de baile tradicional con Miguel Sotelo no espazo da mostra de instrumentos, donde haberá un oco para a muiñeira de Vilariño, que compuxo o recentemente falecido Anxo Gago, Lito, en 2009. Están invitadas a participar todas as agrupacións folclóricas de Cangas, como Soavela, Pais de San Roque, Lembranzas, Peis d'Hos e outras. A finalidade é que a xente que participe no obradoiro poida coñecer os pasos, e Tromentelo vai tocar esa muiñeira antes dos concertos da noite. Tamén Xurxo Souto quixo participar nesta homenaxe a Lito. Entre ambos organizaran "Os gaiteros do Mar", rememorando aqueles mariñeiros que levaban as gaitas nas súas embarcacións, e dos que dá testemuño unha reportaxe.