O Concello de Cangas ven de poñer en marcha "Emerxia", unha plataforma coa que calquera cidadán, dende o teléfono móbil, poderase conectar en tempo real e remitir suxestións, incidencias ou urxencias mediante unha fotografía que se remite ao servizo correspondente xunto á localización. Deste xeito, os servizos municipais poderán xestionala no menor prazo de tempo posible segundo sexa a incidencia.

Responsables municipais explican como funciona "Emerxia". "Por exemplo, detéctase unha fuga por avería de auga nunha rúa ou camiño, sacamos unha foto co móbil, conectámonos á plataforma e remitimos a fotografía", contan. Esa imaxe xunto coa localización do punto, envíase automaticamente ao servizo municipal correspondente para enviar ao persoal de garda que repare esta incidencia.

Deste xeito interactivo, a cidadanía pode non só enviar, senon tamén recibir no seu móbil o estado no que se atopa esta incidencia, se está en trámite (recibida polo servizo correspondente), pendente ou resolta, sinalan os mesmos responsables municipais

"Durante este mes de agosto estaremos probando a plataforma e informando á veciñanza. É importante indicar que debe ter un uso responsable e que as incidencias tramítanse por orde de urxencia", suliñan desde o goberno local cangués.