O programa radiofónico Carne Cruda volve ao Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu para arrincar a súa décima temporada. Será o domingo 9 de setembro, cunha edición especial sobre cinema que se realizará en directo a partir das 18 horas no Centro Social do Mar e que marcará o inicio do tour ‘10 anos, 10 cidades’. As entradas xa están dispoñibles por 5 euros na web do FIC Bueu e as persoas que merquen unha das 50 primeiras entrarán no sorteo dunha noite de hotel para dous nun dos establecementos co selo Galicia Calidade.

Carne Cruda é un programa de radio critico e ácido cun gran contido cultural, que conxuga activismo social, política, actualidade, humor e música. Está dirixido e presentado por Javier Gallego “Crudo”, que se desprazará ata Bueu canda o seu equipo para celebrar o décimo aniversario deste espazo a contracorrente. As entrevistas a destacadas persoas convidadas e as actuacións ao vivo marcarán esta emisión, na que o público terá a oportunidade de comprobar como se realiza un programa de radio.

Logo de pasar por Radio 3 de RNE e pola Cadena Ser, Carne Cruda emítese na actualidade tres veces por semana tanto na súa web como na de El Diario e tamén en plataformas galegas como PontevedraViva Radio ou Cuac FM. As e os oíntes que sexan produtoras e produtores do espazo poderán acceder de balde á actividade se resultan agraciados no sorteo de convites, para o cal deberán enviar un correo electrónico a info@carnecruda.es co asunto “productorficbueu18”.

Para o público restante, as entradas online están xa á venda en https://www.ficbueu.com/entradas e poderán trocarse polas entradas físicas no despacho de billetes do Centro Social do Mar a partir do 7 de setembro, xornada inaugural do FIC Bueu 2018. O horario será ese venres e durante a semana seguinte de 17 a 22 horas, mentres que nas fins de semana a apertura ampliarase tamén de 10.30 a 13.30 horas polas mañás.