A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, desenvolve nos días previos ao 25 de xullo a súa II Semana da Patria Galega, que incluirá máis de 60 actividades por todo o territorio, incluindo á comarca do Morrazo. Ata a data xa se celebrou un mosaico pola patria en Cangas e unha charla coloquio en Moaña ao redor do papel de Galiza Nova no feminismo en Galicia. Mañá venres os actos volverán a Moaña cunha nova charla, desta vez sobre o 50 aniversario do Día da Patria. Será ás 20.00 horas na Casa da Mocidade. Pola súa banda, Bueu acollerá o sábado un concerto do grupo de rap SonDaRúa, un acto que será na Praza Massó ás 21.30 horas. Tamén haberá espazo para intervencións políticas por parte da responsable comarcal do BNG, Silvia Carballo, e de Galiza Nova no Morrazo, Paulo Ríos. "O motivo fundamental do lanzamento desta campaña é achegar as actividades do Día da Patria a todo o país e en concreto á mocidade da nosa comarca" suliña Paulo Ríos.

Actos en Santiago

Desde Galiza Nova no Morrazo fan tamén un chamamento para participar os días 24 e 25 de xullo en Compostela no Festigal, festival de música que xa vai pola súa edición número dezaoito. Ademais, o 24 de xullo terá lugar a tradicional Homenaxe a Rosalía e Castelao, que será este ano o acto central do 30 aniversario da organización xuvenil. Nesa xornada participará a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e completarase coas actuacións musicais de Nao e SonDaRúa.