A familia animada de Galicia regresa hoxe a Cangas. Son Os Bolechas e estarán no Auditorio cangués cun espectáculo de forte compeñente ambiental que se chama "O amigo monte". A entrada é completamente gratuíta e a función será ás 20.00 horas na sala de exposicións do auditorio.

Os Bolechas son un referente para promover o uso da lingua galega entre os máis novos e forman parte do programa de dinamización lingüística Falaredes. Nesta ocasión, ademais de presentar unha divertida aventura en galego, teñen unha compoñente de sensibilización ambiental. O obxectivo é mostrarlle aos cativos a importancia de coidar o monte e o xeito de facelo, nunha sorte de iniciación para a prevención dos incendios forestais.

Para acadar ese obxectivo Os Bolechas solicitarán hoxe a colaboración do público en probas de habilidade idóneas para nenos e nenas de 3 a 9 anos. Será por tanto un espectáculo interactivo, no que Os Bolechas e o público falarán cos cativos acerca do monte, a súa fauna e a súa flora.

Esta montaxe de "O amigo monte" represéntase en 21 concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL).