Hai quen considera As vodas de Fígaro como un dos síntomas do descontento que levou á Revolución Francesa pola súa denuncia dos privilexios da nobreza e polo seu relato do criado que se subleva contra eles: o propio Luís XVI tentou prohibila e Napoleón describiu a obra como "a revolución en acción". Tería sido interesante ver un ensaio contemporáneo da ópera de Mozart e Beaumarchais reflectindo, por exemplo, as desigualdades sociais que se dan na actualidade ou, polo menos, unha reconstrución histórica daqueles días de efervescencia revolucionaria no que se reflectise o papel da arte - do teatro- no debate público que levou a unha revolta que cambiou o mundo. Non se deu o caso.

Jazz Bodas de Fígaro conténtase con debullar o enredo amoroso, a anécdota tras a que se atopa o verdadeiro significado da obra. Talvez dando por válido ese tópico que dita que a trama é difícil de seguir para o público, limítase a facer un resumo -basicamente, eliminando os recitados- do argumento, ilustrando este cunhas interpretacións musicais que apelan a un jazz que se achega máis ao piano bar que á unha reinterpretación da música de Mozart. O resultado é unha insulsa "lección" sobre unha historia de supostas conquistas amorosas e infidelidades que non satisfai ningunha das expectativas que establece.

O problema da montaxe non ten a ver cos intérpretes -nin co elenco nin co trío de músicos-, que cumpren co seu cometido cunha habelencia e profesionalidade moi por riba do conxunto da montaxe, senón cunha patente falta de intención: non sabemos que se quere contar nin para que. Quizais a escena que resume mellor a obra sexa a interrupción do batería tentando facer o seu solo: rompendo unha simulación en que ninguén sabe por que está aí.

A fórmula podería ser válida se houbese algún propósito que a sostivese: algún xogo dramático entre a trama da ópera e a circunstancia dos cantantes que a ensaian, algún tipo de comicidade que engadise un duplo sentido á representación? Pero o que agrega a dirección á interpretación musical é un feixe de chistes mal fiados que non conseguen apuntar a un obxectivo concreto: máis unha vez son os intérpretes os que teñen que tirar de vis cómica para proporcionarlle algo de graza á función.

Preséntase como unha estrea: terán que afinar moito para non acabar recoñecendo, coma Cherubino, non so più cosa son, cosa faccio...