Humor branco, do que lle gusta a todo mundo cando está ben feito. A exposición dunha violencia que non é a do poderoso contra o necesitado, senón outra máis visible no día a día, a da dificultade para vivir nun mundo en que todo resulta moi difícil: que funcionen os micrófonos, que os trucos de maxia fagan o seu efecto, que o público aplauda no momento preciso.

Luca Regina e Tino Fimiani forman un dúo que adopta os papeis dos pallasos tradicionais: o cara branca digno, intelixente e un pouco autoritario e o augusto que lle desbarata os plans coa súa anarquía. Pero o mundo, habitualmente, non funciona a golpe de etiqueta e ás veces é o máis parvo o que atopa unha solución que, precisamente por disparatada, achega as solucións que permiten que a vida siga adiante, que o espectáculo continúe. O obxectivo é sempre o mesmo: demostrar que o caos está instalado na realidade e que, ben, tampouco se está tan mal dentro desa confusión.

Os de Lucchettino logran gardar ese difícil equilibrio entre facer participar ao público e invadir o espazo persoal do auditorio: atacan, pero cunha certa empatía que non resulta violenta. Empregan todos os resortes do teatro sen linguaxe e engádenlles algúns trucos de maxia que sempre operan a favor da risa, do equívoco. Sorprenden en bastantes ocasións porque son excelentes no seu: na mímica, na flexibilidade, na inventiva. E cando non sorprenden, o público perdóalles porque a variación sobre o artificio xa coñecido forma parte do espectáculo: gústanos reencontrarnos cos vellos gags e tendemos a non esixir demasiadas novidades dunha montaxe pensada para resarcirnos das tristezas cotiás.

Por suposto, Maghi per una notte non é o que di ser, un espectáculo de maxia, senón a constatación de que o único que conta é non parar, continuar en movemento e, se pode ser, rir un pouco desa axitación que nos arrastra. Importa o que sucede durante a carreira: a súa mímica, os músculos ben adestrados para o chimpo e a labazada, as ironías e inxenuidades. O segredo está nese ritmo endiañado que saben manter sen caer na confusión en ningún momento.

O público da Mostra de teatro debe estar de acordo con esta apreciación porque todos, maiores e novos, riron, corearon e aplaudiron o espectáculo de principio a fin.