Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A sagrada familia

"A leituga" demostra que o humor e o respecto non son incompatibles

Representación de "A leituga" o domingo no auditorio cangués. // S.Á.

O que vén sendo unha familia moderna: un grupo de individuos, tirando a intempestivos, que deben reunirse de cando en vez para celebrar unha cohesión que xa non existe. A leituga retrata incomodamente ao que quedou reducida a institución familiar nunha sociedade que apenas permite ningún lazo que non estea presidido polo interese material. A situación é de comedia, pero a reflexión á que induce resulta máis ben inquietante.

Podería parecer que a eutanasia non é un tema para tomar a risa, pero A leituga demostra que o humor e o respecto non son incompatibles. Non existe intención moralizante, mais si unha penetrante mirada que contempla o asunto dende todas as perspectivas. Hai a crítica de costumes que nos presenta un sistema de saúde que non dá o apoio suficiente ás familias que teñen ao seu cargo un enfermo terminal. Hai a constatación de que -aínda- tende a ser a muller, a filla, a que sempre acaba facéndose cargo do coidado dos país enfermos. Pero sobre todo, hai unha reflexión moral que nos coloca ante unha pregunta perturbadora: cando nos declaramos a favor da eutanasia estamos sendo solidarios ou egoístas? Pensamos no benestar do enfermo ou na nosa propia tranquilidade?

A situación pulsa cunha ambigüidade exquisita as múltiples contradicións que atinxen ao conflito: o individualismo que adoita gobernar as nosas decisións e as servidumes que nos impón unha sociedade pouco dada a conservar espazos de protección das persoas. Ese papel de acubillo que tiña a familia queda desmantelado por un sistema que antepón a produtividade no traballo á vida afectiva. Non está de máis lembrar que xa Marx e Engels se laiaban de que os comunistas eran acusados de querer destruír a familia, cando a maior ameaza que pesaba sobre a supervivencia da familia era precisamente o desenvolvemento do capitalismo.

Hai unha escena na función, na que se representa unha festa familiar imaxinada (e tal vez imposible) na que todo se desenvolve como se supón que se deben desenvolver as festas familiares: risas, afecto, cariño. Ese, probablemente, é o desexo que todos os personaxes agochan: que polo menos a familia puidese ser un ámbito no que fosen posible o amor, a comprensión e os coidados.

A leituga avanza sen caer na amargura grazas á observación aguda do autor e á interpretación vigorosa dun elenco que vai creando personaxes recoñecibles e, ao tempo, individualizados. Fuxindo do tópico, a trama vai reconstruíndo pacientemente as raíces do conflito dende a lixeireza do cómico, pero sen perderlle á cara ao drama en ningún momento. Todo xunto crea un espectáculo contundente e con momentos realmente brillantes, que o público da Mostra agradeceu cunha prolongada e merecida ovación.

Compartir el artículo

stats