Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O 'reality' e a realidade

A obra pregúntanos en que punto perdemos a dignidade e bótanos en cara a pasividade ante a barbarie

Valle Inclán buscaba unha realidade difícil de atopar nos espellos do Callejón del Gato de Madrid, espellos cóncavos e convexos que distorsionaban o mundo converténdoo en esperpento. En "Divinas Palabras Revolution", a realidade de case cen anos despois xa non se atopa naquelas ruelas, senón nesoutros espellos que son as pantallas ultraplanas que nos acompañan a todas partes. E o resultado é o mesmo: outro esperpento. Pero o que sospeitamos é que, tanto nun caso coma no outro, os deformes somos nós; que a imaxe que se nos devolve é a dese retablo de avaricia, luxuria e morte do que falaba Valle e que segue sendo o motor que move unha sociedade cada vez máis inmersa nunha mediocridade que lle impide reaccionar ante a súa propia decadencia.

Xesús Ron, o director de "Divinas Palabras Revolution", escolle a pantalla do reality como escenario porque amosa mellor ca ningunha outra a celebración de frivolidade e narcisismo na que acabou por converterse o espazo público. Non é cómodo para os espectadores, que teñen que aturar o mesmo ritmo que o dese telelixo que fai da nada un espectáculo. Pero quizais non hai mellor metáfora dese autismo que nos mantén contemplando o que nos rodea sen reaccionar: a pantalla converteuno todo en algo alleo, algo que non nos incumbe e ante o que só respondemos cunha curiosidade enfermiza e malsá. Dá igual que se trate dunha violación que dun asasinato: todo acaba por transformarse nun fotograma máis sobre o que deitar a mirada impasible e morbosa desa cidadanía satisfeita con ter un novo show co que entreterse.

"Divinas Palabras Revolution" non aforra nada en materia de asañamento e atrocidades: case que se recrea nesa carnalidade da violencia que nos arrodea. Detalles escatolóxicos, sexo gratuíto, asasinato, violación ou incesto son precisamente os elementos que outorgan un maior nivel de audiencia e, xa que logo, os mellores indicadores de cal é o noso compromiso con esa realidade que non acabamos de comprender. Por unha banda, pregúntanos en que punto perdemos a dignidade que nos mudou en seres tan insensibles á dor allea. Pola outra, bótanos en cara a nosa pasividade ante a barbarie. E ao final, amósanos cal é a paisaxe de destrución e asoballamento que vai arrasando a nosa contorna mentres nós estamos distraídos co noso particular espectáculo de variedades sádicas.

A pregunta que cabe facerse é quen coloca esas pantallas -eses espellos- que nos manteñen a distancia da verdadeira desfeita que se está a producir mentres permanecemos atentos ás nosas pantallas. Quen nos impide mirar de fronte esa realidade que ten máis arestas das que se poden albiscar nesa festa do baleiro. Talvez aí apunta esta montaxe tan arriscada como necesaria: á necesidade de apartar a vista do reality para dirixila á realidade.

Compartir el artículo

stats