Cuberto o féretro coa bandeira de Galicia e flanqueado por un gran ramo de flores, un retrato que lle fixo Diego Seixo e un recordatorio "de todas e todos os que te queremos e admiramos", unha marea de xente desfilou durante toda a xornada para darlle o adeus a Elisa de la Peña González, "mestra, compañeira, valente, solidaria, un exemplo a seguir", entre as palabras que máis lle adicaron. Coa gaita entonando o himno do Antigo Reino de Galicia, a piques das sete da tarde saíu do tanatorio e entrou no cemiterio municipal, xa colmado de amigos e coñecidos, moitos deles representantes políticos e de colectivos sociais que quixeron recoñecerlle, cun corazón vermello co nome de Elisa ancorado no peito, o seu tempo e traballo xenerosos.

O primeiro en tomar a palabra, nun acto civil xa programado e para o que Elisa marcou liñas, foi Aldán Santamarina, o concelleiro de Ensino, que destacou o seu traballo como "mestra con maiúsculas", das que se preocupan pola formación integral das persoas, do paso por distintos colexios e institutos, como o Grupo Escolar de Quintela, Abelendo ou o IES A Paralaia. Pero tamén a súa faceta como ecoloxista, feminista, impulsora de iniciativas sociais e loitadora por unha sociedade máis xusta e igualitaria. "Unha imprescindible", resumiu o edil, citando unha definición atribuída a Bertolt Brecht.

Despois, saíron á luz detalles da vida "luminosa, chea de compromiso e de amor", de Elisa de la Peña, a vez que se colleu a man coa súa parella no Monte Alba, que logo lle daría nome a unha das súas fillas. E Alba Méndez rescatou un poema para a súa nai que se encargou de recitar Ana Blanco, da Asociación de Mulleres de Moaña: " O amor, sempre en min, transmito o que aprendín: xérmolo nai,/ mestra de vida: bondade, paz, cariño, dozura lene e cultura/ dun pobo que te quere Elisa,/ aloumiñándote sempre coma ti es/ coa loita contra o cancro inexorábel, inconformista, rebelde, vermella, epicúrea."

Gonzalo Méndez repartiu agradecementos en nome da familia de Elisa, que miraba aos congregados desde o retrato pousado sobre un atril do seu amigo Antón Sobral. Lembrou a médicos e enfermeiras do Álvaro Cunqueiro e da hospitalización a domicilio, das atencións recibidas e compartidas, de visitas cotiás e dos últimos días, do anunciado final da novela, para a que semella que elixiu a data e deixou todo preparado: "Isto acabouse. Vamos..."

Entre os colectivos cos que máis tempo e causas compartiu está a Asociación de Mulleres, e o seu coro Chorima adicoulle "Compañeira", de Fuxan os Ventos: " Nesta noite escura e bretemosa/ na que vai camiñando o noso esprito/ vese un raio de sol, vese unha rosa/ que abrirá, no mencer, novos camiños./ Compañeira nos días de tristura,/ compañeira nas noites de esperanza/ paso a paso de alento de tenrura,/ pedra a pedra no mundo a nosa casa./ Racharemos cadeas que nos prenden/ e faremos fuxi-la treboada,/ falaremos de amor coa nosa xente/ pra viviren connosco a mañá crara".

A alcaldesa Leticia Santos, moi emocionada, puxo en valor a "novela" que Elisa de la Peña protagonizou vivindo como quixo, e recoñeceu "a gran honra" de compartir con ela por teren elixido Moaña para vivir e fundar familia. "Ata sempre, compañeira. O teu exemplo, sempre con nós", despediuse en nome do pobo, mentres a gaita entonaba o himno galego e o féretro debuxaba o epílogo entre os tristes aplausos da multitude.