A Mostra de Teatro de Cangas invítanos hoxe a unha reunión familiar no Auditorio. Unha celebración na que están tres irmáns e as parellas de dous deles. Todos na casa da irmá maior. E aínda que non se ve, síntese a presenza dun pai que leva nove anos en coma e que está de aniversarios. Adiviñan de que vai a historia e que acaban botándose en cara os protagonistas? A obra é "A leituga", un texto do autor venezolano César Sierra. EM2 encárgase da produción con Víctor Duplá como director e con Antonio Durán "Morris", Federico Pérez, María Vázquez, Xosé Barato e Mercedes Castro como protagonistas. "Poder estar na Mostra de Cangas é un recoñecemento a unha aposta pola representación deste espectáculo. Cangas é un marco marabilloso, cun público que sabe e que é moi esixente", di Mercedes Castro, que tamén exerce como produtora.

-"Cada un de nós ten a súa leituga e, queira ou non, tense que ocupar de regala e de cambiarlle o osíxeno todos os días". A frase é dunha das personaxes de "A leituga", unha metáfora que alude ao coidado dos nosos maiores.

- Si. É unha metáfora da que vén o título da obra, amais de que fai referencia a que o pai está nun estado vexetal, nunha liberdade que se toma o autor. O texto de "A leituga", pese a que está escrito hai xa máis de dez anos, segue sendo moi actual e está moi vixente. O coidado dos nosos maiores é un tema universal, pasa aquí e no resto do mundo. Fala da responsabilidade que cada un de nós temos que asumir con nós mesmos e co noso entorno familiar, de amizade ou de relacións persoais.

-A historia de "A leituga" preséntase baixo unha apariencia de comedia. Unha reflexión acerca do coidado aos nosos maiores e os que vimos detrás, que algún día tamén seremos maiores e querremos que nos coiden.

-Iso esperamos! Pero a natalidade baixa, os fillos non están, o investimento social é cada vez menor. Desde ese punto de vista é certamente unha realidade dura porque é ver o paso do tempo e enfrontarnos á morte. Para vivir tamén tes que contemplar a morte, algo ao que non estamos moi habituados. Esta obra plasma unha realidade que existe, quizais non dunha maneira tan extrema como este pai en estado vexetal, pero si que hai realidades que se lle asemellan. O espectáculo dalgunha maneira tamén aborda a figura da muller, que pese a súa incorporación ao mundo laboral, que debería ser aínda maior, segue a ser na maioría dos a coidadora e alma máter.

- Ao final, que acaba pesando máis: a comedia ou o drama?

- É unha comedia dramática. ten moitas partes de comedia. Ten partes de comedia porque ás veces as situacións dramáticas son cómicas. "A leituga" mostra unha realidade que ás veces a contemplamos, pero en outras moitas ocasións deixamos pasar o tempo e pensamos que xa chegará o momento. Pero a nivel de políticas sociais é algo que non se está tendo en conta: os centros públicos están saturados e moita xente non ten recursos para acudir aos privados.

-A estrea da obra foi en abril e aínda non levan unha ducia de representacións. Qué reaccións perciben por parte do público?

-Estivemos hai unhas semanas na feira Galicia Escena PRO, en Santiago, na que había moita expectación por parte do público e dos profesionais. Foi unha sensación marabillosa, cun aforo completo no Teatro Principal. A residencia para preparar a montaxe a fixemos no teatro de Rianxo, dous meses imbuídos nun traballo moi intenso e tamén moi produtivo. Alí fixemos a preestrea e ao principio quedamos un pouco sorprendidos de como reaccionaba a xente, con moitos risos a pesar de ser unha comedia dramática. A estrea foi na Coruña [no Teatro Rosalía de Castro, o 6 e 7 de abril] e a recepción foi marabillosa. A medida que o espectáculo vai xirando vai adquirindo máis pouso e a aceptación é cada vez maior. Resulta moi satisfactorio, da boas sensacións e ganas de seguir cara diante

-Que lle dirían ao público do Morrazo para que tamén acuda esta noite a esta especie de reunión familiar?

-Que non se van arrepentir de vir! Van ser 80 minutos moi ben investidos. Van ver espectáculo de gran nivel en todos os sentidos: dirección, actores, escenografía... Non ten nada que envexar a outras montaxes que veñen de fóra. Van rir, van chorar... pero diso se trata precisamente o teatro: unha arte viva, que comiunica en directo co público. Iso é algo marabilloso e un luxo.