Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Descubremento do antigo cemiterio de San Martiño

Clausurado en 1763, estaba no adro; nuns traballos toparon dous sartegos e en capas máis profundas dous muíños romanos

Adro da igrexa de San Martiño onde estaba o antigo cemiterio. // Arquivo do autor

Nos séculos III e IV da Era Cristián, os galaicos-romanos que baixaban dos castros cara a terreos máis chairos onde ían fundando núcleos poboacionais tales como casais, fundos, aldeas e vilas, deixaron atrás o costume de queimar aos seus mortos para, tal e como se facía en Roma e noutros lugares do imperio, dar comezo á construción de cemiterios, co pleno consentimento da relixión cristián, que estaba a implantarse por terras galegas. Segundo sinala José C. Sánchez Pardo, na súa publicación "Las iglesias rurales y su papel en la articulación territorial de la Galicia medieval (ss. VI-XIII)":

Estas necrópolis se ubicarían en lugares próximos pero aislados del espacio de asentamiento, a veces en una posición central con respecto a diversos núcleos del entorno, acogiendo a difuntos de varios poblados.

Será precisamente en estos lugares con una connotación sagrada en el ámbito local donde creemos que se encuadrará siglos más tarde la fundación de muchas de las primeras iglesias rurales.

Coñécese pola toponimia que nas proximidades da igrexa de San Martiño de Moaña existiron pequenos núcleos poboacionais que aínda conservan os nomes de antigas fundacións galaico-romanas: Fondo da Vila e Cima da Vila ao norte e sur de Sabaceda, preto do documentado Casal do Outeiro de Sabaceda, ademais do actual barrio de O Casal; situados, todos eles, a escasa distancia do Castro de San Martiño. Por último, Fonte da Vila, na zona de Abelendo, a carón do Castro dos Ladrados.

Todos eses lugares teñen en común que están, "próximos pero separados" dun antigo cemiterio situado na cara Sur do adro alto da igrexa matriz de Moaña. Efectivamente, no contrato que tiña por obxecto principal o alongamento do templo no estilo barroco, asinado en 1763 entre o cura ecónomo moañés, D. Pedro Benito Avalle Mariño e, o mestre de obras de O Hío, Esteban de Sobreira, contemplábase, tamén, o troque do antedito cemiterio para situalo na cara Norte do mesmo adro.

Durante o ano 2005, removeuse a terra do antigo cemiterio para chegar á cimentación do muro de pedra que o separa do adro baixo, co obxecto de reafirmalo; durante as obras, descubríronse dous sartegos preto da superficie que, despois de analizar as cinzas dun deles, comprobouse que procedía dunha persoa que viviu entre os séculos XIII - XIV; atopáronse tamén mostras de enterramentos en capas bastante máis profundas, incluso dous muíños romanos de man; un deles depositado no museo de Pontevedra. O que leva a deducir que, posiblemente, se trate dun lugar, de connotación sagrada, cunha necrópole como as citadas por Sánchez Pardo e outros autores.

Cando discorría o ano 409 da Era Cristiá, arredor de trinta mil suevos, dos que soamente oito mil eran homes dispostos a loitar, todos eles procedentes do interior de Europa, atravesaron os Pireneos e chegaron a Galicia; con eles deu comezo a Idade Media.

Unha das consecuencias máis importantes do reinado suevo, foi a primeira división territorial galega acordada durante a celebración, no ano 572, do segundo concilio de Braga; nel, a nova organización político- relixiosa cobra forma nun libro chamado "Parrochiali Suevum" onde aparece, por vez primeira, o termo Morracio (Morrazo) con territorio e igrexa pertencentes á Sé episcopal de Iria Flavia (na actualidade, parroquia do concello de Padrón).

Polas disposicións do concilio, sábese por vez primeira que nese tempo xa se crearan as parroquias como novas entidades unificadoras e cohesionadoras da veciñanza que habitaba nos citados núcleos poboacionais galaico-romanos onde a igrexa, co seu cura propio ao fronte, cumpría a misión, que antes exercían os concellos de anciáns e as xuntanzas dos homes nas encrucilladas de camiños para celebrar cerimonias relixiosas, ademais de falar e decidir arredor dos problemas comúns.

A partir dese ano, en que os núcleos moañeses pasaron a depender da parroquia do Morrazo, fóronse erguendo outras igrexas rurais as cales, segundo describe nun traballo sobre as orixes de Moaña, publicado na web da biblioteca municipal, o catedrático de latín moañés José B. Rguez. Parada:

... ademais da falta de fontes arqueolóxicas, son moi escasas as documentais, polo que as orixes do cristianismo e das primeiras igrexas quedan nunha gran escuridade. Ata o século IX non atopamos o primeiro documento que nos confirma que nesta época xa son numerosas as igrexas construídas. Trátase do chamado Documento de Tructino, redactado no ano 868, que enumera 65 igrexas dos territorios da parte norte da diocese de Iria Flavia. O outro documento, que debeu existir e que nomearía as igrexas dos territorios da parte meridional, incluída a demarcación do Morrazo, está desaparecido.

As parroquias descritas no Parroquiali Suevum convertéronse, ao longo do século XI, en arciprestados rurais, confirmándose documentalmente no XII que O Morrazo estaba considerado como tal. Subliña logo o antedito catedrático moañés:

? que a Constitución do ano 1177, pola que o arcebispo Pedro Suárez divide a diocese en arcediagados, considera expresamente a Morracio como un arciprestado que pasa a depender do arcediagado do Salnés ?

Debido a escuridade arqueolóxica e documental que, como foi reflectido, produciuse en Moaña desde o ano 572 ata o 1184, en que aparece documentada a herdade de Sabaceda nunha doazón real ao nobre Fernando Arias, non é posible coñecer de certo a existencia dun templo rural anterior á construción, polo citado nobre, da igrexa de San Martiño, consagrada en 1197; aínda que existise a citada necrópole na que se debería investigar a cronoloxía dos restos situados na zona máis profunda onde apareceron os muíños romanos.

Para intentar coñecer o pasado moañés, ata o século XII, faise necesario iniciar o estudo do Castro de San Martiño segundo a Proposta de intervención arqueolóxica, enviada ao Concello de Moaña no ano 2014 e, incluír nela o estudo da máis que posible necrópole galaico-romana situada no cemiterio moañés clausurado no ano 1763.

(*) Investigador de Moaña

Compartir el artículo

stats