28 de junio de 2018
28.06.2018

Fin de curso con poesía no IES María Soliño

Ioana Emanuela Lascu, do IES Johan Carballeira, e Damián Bertoa, do IES Xunqueira I, gañadores do certame

28.06.2018 | 03:30
Alumnas e alumnos gañadores cun membro do xurado e representantes da organización, na entrega dos premios IES María Soliño. // G.Núñez

Como xa é tradición, o instituto María Soliño, de Cangas, pechou o curso escolar entregando os premios do seu certame de poesía, que acadou a 33ª edición. Os traballos de Ioana Lascu, Javier Riopa e Andrea Sanjurjo foron distinguidos na categoría A (para alumnado de ESO), e os de Damián Bertoa e Sofía Ferreiro na categoría B, reservada para estudantes de bacharelato e ciclos de grao medio.

O xurado estivo formado por Xabier Xil Xardón (licenciado en Filoloxía Galega, profesor na Escola Oficial de Idiomas, poeta e narrador con varios premios, como o Eusebio Lorenzo Baleirón en 2008) e Ismael Ramos Castelo, licenciado en Filoloxía Hispánica, traballador da Editorial Galaxia e con premios como o Minerva, Francisco Añón ou Xohan Carballeira. Decidiron outorgar o primeiro premio da categoría B a Damián Bertoa Arias, que é alumno de primeiro curso de bacharelato no IES Xunqueira I, de Pontevedra e recibiu 200 euros. E o segundo a Sofía Ferreiro Bello, que estuda primeiro de bacharelato no instituto Os Rosais, de Vigo e recibiu un premio de 125 euros.

Na categoría A, o primeiro premio (150 euros) foi para Ioana Emanuela Lascu, alumna de 4º de ESO no IES Johan Carballeira, de Bueu; o segundo (75 euros) para Javier Riopa Rodríguez, alumno de 2º de ESO do IES A Xunqueira I, de Pontevedra; e o terceiro (50 euros) para Andrea Sanjurjo Martínez, alumna de 3º de ESO do IES Pobra do Caramiñal, da localidade coruñesa que lle dá nome.

As bases da convocatoria establecen que cada participante podía presentar un mínimo de tres poemas e un máximo de cinco, escritos en lingua galega. A organización ten previsto facer unha publicación cos poemas gañadores, como sucede en cada edición deste certame que xa é un clásico entre os centros de ensino medio.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca