Prendas de vestir, bonecas, zapatos, plantas e mesmo cadros orixinais de autores recoñecidos que puxeron a súa obra ao servizo dunha causa solidaria. Son algúns dos obxectos que se poden contemplar e mercar durante uns días no mercadiño que organiza Neneta Herrero na Capela do Hospital, para sufragar o mantemento da escola María Soliña que dirixe na rexión de Orissa, na India. A "Casa Flor", un proxecto residencial con cinco pétalos convertidos en habitacións para as mozas que estudian e viven naquelas instalacións fundadas en 2004, é o destino preferente da recadación, que se suma á do recente festival celebrado no Auditorio.

Un saquiño feito á man para encher de herbas aromáticas custa un euro e medio, 2,50 se xa ten a lavanda dentro. Cifra simbólica, case ao alcance de calquera, pero suficiente para darlle de comer na India a un equipo de fútbol ou a unha aula de estudantes. Esa mensaxe, que leva máis dun lustro calando nas persoas que colaboran de forma periódica con Neneta, tamén chega aos visitantes ocasionais, que aproveitan o paso pola Capela para levar un vestido de estética oriental, un bolso realizado a man, unha mantón de patchwork con moitas horas de traballo ou unha pulseira colorista que axudarán a manter a actividade para favorecer aos máis pobres entre os pobres.

O mercadiño solidario está aberto todos os días desde as seis da tarde e, ocasionalmente, tamén polas mañáns, ata o vindeiro martes, día 26. Alí Neneta troca obxectos por desexos cumpridos.