No tardofranquismo e os primeiros anos da democracia apareceran núcleos de activismo político a prol da "normalización" da identidade, a cultura e o idioma galego, con citas como o Festival de Teatro de Ribadavia (cerne do teatro profesional galego), o Ateneo de Moaña (conferencias, exposicións de libros, biblioteca, teatro-fórum, primeiros grupos de teatro) ou a Festa de Bronlle (Meira), lugares moañeses da primeira popularización, por exemplo, do Mago Antón e o seu boneco Facundo.

A década dos 80 foi o tempo da remuda do contrabando de tabaco, a introdución da marihuana, a difusión de narcóticos como a heroína, da "reconversión" dos estaleiros para a entrada política en Europa, da aceleración do proceso de metropolitanización da ría de Vigo a partir da entrada en funcionamento da Ponte de Rande en 1981, o mesmo ano da aprobación do Estatuto e a estrea da condición política de Autonomía para Galicia.

A diferenza da maior parte dos concellos galegos, as dúas primeiras corporacións locais de Moaña (1979-1987) foran gobernadas polo nacionalismo de esquerdas e as dúas seguintes pola socialdemocracia (1987-1995). A nova política democrática local creara en 1987 os primeiros centros socioculturais públicos e, dentro deles, o primeiro auditorio municipal da historia. Neste marco administrativo naceran políticas culturais de longo percorrido como o Festival Intercéltico do Morrazo (FIM) (creado polo grupo Semente Nova en 1985, municipalizado en 1987) e a creación dos Circuítos Teatrais en 1988, tempos en que os gobernos autonómicos e estatais tamén puxeron a andar importantes transferencias financeiras, cando a Autonomía galega aportaba o 60% do importe dos grupos de teatro participantes nos circuítos e programacións estables dos concellos.

Sementada na ditadura, o teatro en Moaña e Galicia foi unha actividade que medrou en democracia promovida, sobre todo, pola esquerda política. Os concellos participantes nos primeiros Circuítos Culturais (Carballo, Cariño, Catoira, Cervo, Fene, Ferrol, Marín, Moaña, Monforte, Noia, O Barco, Pontecesures, As Pontes, Redondela, Ribadeo, Ribadavia, Salceda de Caselas, Vilanova de Arousa, Viveiro e Xove) conforman unha minoría diferenciada da hexemonía ideolóxica das corporacións locais de Galicia naquela altura.

Naceu daquela o primeiro sistema cultural galego institucional con vocación de masas: un ensino de contidos propios, a creación de axencias culturais impensables como unha radio e televisión públicas (1985), emitindo diariamente en idioma galego, foron instrumentos de comunicación e difusión popular de artistas e creadores coñecidos a través da literatura (Ferrín, Casares, Suso de Toro, Manuel Rivas...) e a súa adaptación a espectáculos teatrais que se puideron ver en Moaña de forma con periodicidade anual.

Escenario e produción teatral

En 1988 comeza a primeira programación institucional: os "Circuítos Culturais", promovidos pola Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia para a difusión cultural a través dun modelo de programación "descentralizado, que supere as eivas da nosa dispersión territorial, dirixíndose á totalidade da poboación galega". Esta primeira edición, nun formato denominado "Xoves Culturais", ofertaba música e teatro, no centro sociocultural Daniel Castelao de Quintela durante os meses de outubro, novembro e decembro, cun aforo de 168 localidades que enseguida quedou desbordado por un público que -nun tempo en que "cultura" era sinónimo de "gratis"- sempre pasou polo despacho de billetes.

Con esta limitación de aforo, a primeira fase dos Circuítos desenvolveuse no mesmo local entre 1988 e 1993 (1988: 5 obras; 1989: 8; 1990: 7; 1991: 6; 1992: 6; 1993: 6), cunha media de asistencia de 150 persoas/función.

O Concello de Moaña contrata e habilita o abandonado cine Veiga, coa colaboración do seu propietario Francisco Veiga Alfonso, abrindo a segunda etapa dos Circuítos, nunha dotación con maiores posibilidades escénicas e de aforo, onde se representan os teatro profesional entre 1994-2001 (1994:11 obras; 1995: 9; 1996: 8; 1997:7; 1998: 6; 1999:6; 2000:8; 2001:6). A media de público asistente foi de 200 persoas/función.

Como mostra a obra "Eroski Paraíso", do Grupo Chévere, representada en 2017, moitos dos antigos cinemas ou salas de baile de Galicia foron transformadas en comercios de alimentación. Cando o cine Veiga é mercado por unha cadea de supermercados, como se o teatro en Moaña estivese baixo o fado do tránsito, de novo se traslada o lugar das representacións teatrais (despois dun breve paso polo pavillón do CEIP Tirán) ao salón de actos do IES As Barxas, no novo barrio do Rosal, ata o día de hoxe.

Esta terceira etapa volve estar condicionada por un aforo de 200 insuficientes localidades. En 2002 houbo 8 espectáculos; entre 2003-2008, 7 por tempada. A chegada da crise económica fai que o número de representacións anuais descenda a cinco (2009-2011, 2014-2016) ou catro (2012-2013, 2017) nos últimos ciclos de Circuítos Teatrais.

A programación institucional de teatro profesional en Moaña foi complementada durante o (FIM), baixo a selección de Celso Parada, nas edicións de 1987 (Moucho Clerc, no cine Prado), 1988 (Tanxarina, no cine Prado; A Barraca [Portugal], no club de remo San Xoán de Tirán). En 1989 (Tanxarina, na nova alameda de Moaña), Teatro de Ningures, grupo Os paxaros, La Carreta, Gotan Tango, todas no cine Prado.

En 1991, nunha carpa no interior do campo de fútbol actuaron Art'imagen [Portugal]), Teatro Antzerki, (Vitoria), Teatro do Morcego), Jesús Puebla (Valladolid) e Bekereke (Alava). A programación teatral do FIM péchase en 1992, ano dos prodixios olímpicos e culturais, cos grupos El Galpón (Uruguai), Kaos e Tanxarina, todos eles no centro Daniel Castelao, e Dúo Mayalde (Salamanca), Carlos Blanco, Centro cultural Pascual Carlos Magno [Brasil] e Os sátiros [Brasil], dentro da carpa no campo de fútbol.

Grupos, directores, actores

Trinta anos de teatro profesional (1988-2017) sumaron 192 obras representadas en Circuítos e 20 no FIM. Non é este o lugar de subliñar tantas obras, grupos, directores e actores que son parte da memoria de varias xeracións pola súa calidade, emoción, inquietude, desconcerto, risa ou tenrura, agás nomear a relevancia de Celso Parada, programador do teatro do FIM, actor e director de Teatro do Morcego, grupo participante en cada unha das trinta edicións citadas.

FIM e Circuítos nos que deixaron pegada en Moaña, entre outras, obras como "Titiricircus" ou "Coca, a volta da besta" (Tanxarina), "O Baile" (A Barraca), "Paxaros na testa" (Os Paxaros), "Saló, Salomé" (Os Sátiros) ou referentes na historia do teatro en Galicia, por exemplo, como "Río Bravo" (Chévere), "Misterio Cómico" ou "Os Patios da memoria" (Teatro do Morcego).

Aínda que existían grupos constituídos con anterioridade, 1988 é o principio do teatro profesional en Galicia como actividade estable, cando comezan a rular de forma continuada, entre outras, compañías profesionais como Artello, Teatro de Ningures, Chévere, Teatro do Noroeste, Teatro do Atlántico, Teatro da Lúa, O Moucho Clerc; Sarabela, Matarile, Caritel, Ollomol (despois Ollomoltranvía), Talía, Teatro do Aquí, Mofa e Befa, Bucanero, Lagarta, lagarta ou Ancora.

Agrupando etapas do teatro profesional que pasou por Moaña nos Circuítos, encontramos aos iniciadores da difusión do teatro profesional na Galicia democrática, nalgúns casos dando continuidade ao teatro iniciado no tardofranquismo e a transición política. Entre outros, Escola Dramática Galega (Manuel Lourenzo), Teatro Artello (Ernesto Chao, Rosa Álvarez, Marisa Soto, Antonio Durán "Morris" ), Teatro Antroido (Roberto Vidal Bolaño, posteriormente Teatro do Aquí), O Moucho Clerc (Quico Cadaval, Xan Cejudo, Rodrigo Roel), Teatro do Atlántico (María Barcala, Xulio Lago), Teatro do Noroeste (Luma Gómez, Eduardo Alonso), Teatro Chévere (Xesús Ron, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo) Teatro da Lúa (Dorotea Bárcena), Teatro de Ningures (Casilda García, Xosé Manuel Pazos) ou Teatro do Morcego (Celso Parada).

Nunha segunda xeira aparecerán, entre outros, novos grupos como Sarabela Teatro (Ánxeles Cuña, Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fina Calleja), Malbarate, Compañía de María (María Pujalte, María Bouzas, Luis Tosar), Carlos Blanco, Tanxarina (Eduardo Rodríguez Cuña Tatán, Miguel Borines), Mofa e Befa (Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira), Talía Teatro (Artur Trillo), Teatro do Adro (Josito Porto) ou Lagarta, Lagarta (Rosa Álvarez).

Un terceiro grupo de compañías estaría composto por grupos de fóra de Galicia como Teatro del Norte (1988), Mario Viegas (1989), Teatro Meridional (2004, 2007), La Sal Teatro (2005), Teatre Tantarantana (2006), Titzina Teatre (2006, 2009), Micomicón Teatro (2007), ou Bacana (2008).

A remuda do novo teatro profesional galego aparece en Moaña, por unha banda, na creación de novos grupos, actores e autores iniciados no teatro afeccionado, escolar ou profesional do Morrazo (Teatro de Ningures/Teatro do Morcego para Santiago Cortegoso, fundador/director de Ibuprofeno Teatro), pero tamén da man da Escola Superior de Arte Dramática, nova e básica institución (2005) de ensino regrado en artes escénicas por primeira vez en Galicia: o resultado das primeiras montaxes e creacións profesionais puidémolo ver en Moaña con Il Maquinario Teatro (2014), A Panadaría (2015), a aparición de grupos como Moito Morro (Antía Costas) ou actores como Adrián Ríos ou Daniela Rodas, pertencentes ás últimas xeracións teatrais con berce en Moaña.

Público e pano final

A consolidación, a partir de 1981, dun espazo social e cultural supramunicipal, fixo que -cando menos- Cangas e Moaña formen hoxe unha sociedade e un ámbito de cultura e relación urbana por enriba das súas distintas pertenzas administrativas, máis alá de caducos tradicionalismos locais-parroquiais: unha sociedade transcultural que aproveita a mellora das comunicacións rodadas do eixe Vigo-Pontevedra para desprazarse por auditorios, centros culturais, exposicións ou concertos dunha área con indicadores de cultura teatral moi superior á media de Galicia. Un dos maiores dividendos das programacións institucionais estables e periódicas foi o da creación dun público teatral de Moaña e Cangas, con aportacións de Bueu e, puntualmente, de Vigo e Pontevedra.

O feito de existiren programacións como o Festival de Teatro Cómico e Festivo en Cangas, os distintos ciclos de teatro amador ou os Circuítos Teatrais de Moaña, ofrecen a posibilidade de contar con calendarios anuais estables que fornecen uns públicos cambiantes en canto a idades e estilos de vida pero atentos ás programacións dunha actividade teatral chegada coa democracia para tomar asento e quedar entre nós como parte da identidade sociocultural da zona sur da península do Morrazo.