Dende a vila moañesa, o Príncipe das Bateas, cruzou a Ría de Vigo para enrolarse no Celta.

En cada estadio de fútbol o seu xogo é poesía, amosando habilidade, arte puro e fantasía que aplauden os seareiros con verdadeira ledicia.

Co esférico nos pés algo bo pode pasar; enxergando o horizonte fai un plano virtual?

Unha filigrana enxebre, un caneo maxistral, bota o peito cara adiante, xuta de forma xenial e o balón queda entrousado na portería rival...!!

Novo gol de Iago Aspas que vai sumando dianas para acabar conquistando o Trofeo Telmo Zarra.

Por cada tanto anotado bica a Cruz de Santiago que pende na camiseta da gran perla do Morrazo, sinónimo de afouteza e capitán avezado.

Formando nas seleccións brilla de xeito especial, coa azul e branca irmandiña ou a vermella estatal.

Sentímonos orgullosos nas terras de Breogán ante a figura senlleira, lucido internacional, que representa Galicia con auréola de crac.

Loas para o noso egrexio pola súa aportación, abandeirando ao Celtiña na Primeira División.

Contando co de Moaña para a vinceira campaña cantaremos o alirón...!! Fondo, gol, tribuna e río atronarán Balaídos co Ala Celta, Campión...!!!