Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Auditorio

Auditorio. Sala de Teatro. // Arquivo do autor

Desde a súa apertura converteuse no elemento dinamizador e escenario por excelencia da actividade cultural do municipio e da comarca ao ter capacidade para acoller grandes espectáculos de artes escénicas e musicais, tendo unha area de influencia sobre máis de 80.000 persoas pois, polo de agora, é o único que hai en toda a Península do Morrazo. (Oxalá vai para diante a Plataforma ProAuditorio de Moaña Cambiemos a Escena!)

Ademais das aulas para o Conservatorio e oficiñas administrativas e de reunión o auditorio dispón dunha gran sala de representación con cabida para 690 espectadores. O escenario de 17 x 17 metros de embocadura, 9 metros de fondo e 16 metros de altura coa súa tremoia correspondente consistente nunha cámara negra formada por patas a ambos laterais, bambolinas e foro.

O terceiro andar do edificio acolle unha extensa e luminosa Sala de Exposicións aínda que as súas posibilidades de uso poden ser, sen dúbida, máis variadas. Entre todas as exposicións compre destacar o Certame de pintura e escultura Bienal Arte no Morrazo, creado en 1993, e acollido nesta sala desde a súa apertura, desenvólvese con carácter bienal, nas datas comprendidas entre mediados de xuño a mediados de xullo. Pola importancia débese destacar tamén o Salón do Cómic que se desenvolve, tamén con carácter bienal, na terceira semana de xullo.

En conversa con Juanjo Pérez, director do Auditorio, sobre a actividade que se desenvolve no Auditorio, comenta que ten unha programación continua, estable e heteroxénea ao longo do ano pois non hai outro espazo alternativo que contemple ademais das artes escénicas, o cine e todo tipo de iniciativa cultural e social.

Desde o Concello elabóranse diferentes tipos de programación. En horario escolar, música e teatro que se ofertan aos colexios sobre todo de Primaria. En canto ao teatro profesional galego, o Concello, coa nova corporación, voltou a formar parte da Rede de Teatros e Auditorios de Galicia, un evento que estivo paralizado durante seis anos. Na actualidade o contrato coa Rede suma 24.000 euros dos que o Concello paga a metade. É a dirección do Auditorio quen selecciona os espectáculos da Rede como tamén outras ofertas de promotores e compañías galegas ou foráneas de teatro, música ou danza sempre que veñan a taquilla.

Na primeira quincena de xullo o auditorio acolle a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, manifestación cultural de primeiro orde que naceu en 1984 e que se celebra tódolos anos.

Na 2ª quincena de Agosto da cabida ás principais actuacións culturais das Festas patronais, destacando o Festival de Bandas de Música Populares e o prestixioso festival "CanJazz".

En fin, pódese dicir que desde mediados de setembro ata a finalización do ano o Auditorio vai intercalando espectáculos musicais con teatro afeccionado e profesional, maxía, festivais benéficos de índole popular: Aspamsim, Cáritas, Afamo; festivais dos colexios, festival das Letras Galegas, Festivais de Danza, Ciclo de Teatro Afeccionado (Citeamor); Mostra de teatro Infantil e os tradicionais concertos de Nadal.

En relación ao público, Juanjo Pérez, opina que polo Auditorio pasan unha media aproximada de máis de 80.000 personas ao ano e que desde a súa apertura cruzaron as súas portas máis de un millón de persoas.

Sobre a cuestión do Conservatorio no mesmo edificio di que supón unha hipoteca porque non se pode utilizar o Auditorio para outros menesteres propios mais ao tempo, comenta, ´hai unha ventaxa pois acerca á xente do Conservatorio a un espazo cultural que aglutina e ofrece un escenario aínda que tamén resta xa que por exemplo non se pode programar artes escénicas os venres porque a orquesta ensaia ese mesmo día, impedindo unha programación regular neses días.

Á pregunta sobre se é conveniente cobrarlle un canon por aluguer ás empresas e produtoras opina que foi unha posibilidade que se tivo en conta mais que valorouse non facelo pois é un xeito de compensación social pois deste xeito podese ofrecer unha maior programación á cidadanía asumindo os riscos a propia empresa. Hai interés para que aos promotores lles vai ben en Cangas.

Para maior información pódese visitar o blog do Auditorio: cangas.gal/portal-cidadan/auditorio-municipal/es

Compartir el artículo

stats