Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O Auditorio Municipal e a EMAEC

En1998 os colectivos sairon a rúa para reclamar o recinto; sete anos despois nace a Escola de Teatro

É xusto e necesario lembrar que a existencia do Auditorio Municipal- inaugurado o 18 de outubro de 2001 sendo alcalde Enrique Sotelo- e a Escola de Teatro- creada en 2008 sendo alcaldesa Clara Millán- foi o resultado dun lento proceso no que a iniciativa e a reivindicación cívico cultural sempre estivo como telón de fondo. A necesidade de contar cun espazo cultural digno que acollese a intensa actividade cultural e artística de Cangas manifestouse xa desde os anos 80 e foi sen dúbida a Asociación Cultural Xiria, moi activa nesa época, quen se fixo eco dese sentir común. Desde o Concello, no periodo da Xestora (1990-1991) e sendo concellal de Cultura Enrique Harguindey, tentáronse dar xa os primeiros pasos cara a contrución dun Auditorio na área dos Xardíns do Señal cun proxecto imaxinado de arquitectura singular que fose un referente arquitéctonico. Logo, en lexislaturas posteriores debateuse a conveniencia de mercar o cine Calvar e, frustado o intento, á fin mercáronse os terreos nos que estaba o Disconcierto. Elaboración dun proxecto , problemas coa cesión dos terreos, desaparición do proxecto nos arquivos da Consellería, nova licitación, promesa de Xosé Cuiña,Conselleiro de Ordenación do territorio, dunha inmediata construción? Un calvario para os colectivos culturais, veciñais e sociais que andaban errantes por escolas, vestíbulos de pavillóns, edificios ruinosos, representacións teatrais en carpas de circo. E deciden sair a rúa en maio de 1997 convocados pola Asociación Xiria, sendo presidente Xosé Manuel González Barreiro "Oli". E o 9 e 10 de maio de 1998 a partir dunha convocatoria do Consello Municipal da Cultura. Fixerono baixo o lema de "Estamos na rúa. Auditorio para Cangas, Xa".

Durante dous días, pola maña, tarde e noite, as rúas e prazas de Cangas están ocupadas por pasarrúas e actuacións do Grupo Folclórico Pais de San Roque, Banda de Gaitas Tromentelo, Grupo Folclórico Tebras, Quorum Musical, Coral Santiago, Coral Queixumes, Agrupación músico vocal Ni FÚ Ni FÁ, A Cepa, Pablo Costas, Teatro con X.M. Pazos, Pandereteiras Lembranzas da Ría, Albariza, Teatro do Morcego, Sa-Skya, Groune, A viaxe da cebola, Astarot, Banda de Gaitas Mazaroca, Banda de Cornetas e Tambores, Grupo Folclórico Lumieira, Coral Brisas da Ría, Grupo Folclórico Maruxía, Intervención na rúa por Artistas Plásticos, Grupo Folclórico Ximalveira, Escola de Danza Maite Quiñones, Teatro Lirilampo, Banda de Música Bellas Artes, Teatro Casa da Bola, Grupo de Teatro do Instituto María Soliño, Abaladoiro, Teatro de Ningures, Coral Lestonnac, Axóuxere Teatro, Susana? Unha fermosísima festa colectiva e reivindicativa que rematou cun Manifesto.

Tres anos despois chegou o anhelado Auditorio! A historia tamén debe ser narrada pola xente do común. Ese mesmo ano 1998 o Consello Municipal de Cultura propón darlle o Premio Xohan de Cangas ao Labor Cultural ao movemento cidadán "Estamos na rúa". E así aconteceu. Mais ao non estar personalizado, acordouse colocar unha placa conmemorativa no propio Auditorio que aínda non se fixo e é, coido, unha asignatura pendente que debería resolverse. Agora é o tempo.

Construído xa o Auditorio, por problemas coa viciñanza para a ubicación do Conservatorio de Música, este pasou a instalarse xa no curso 2002-203, no mesmo edificio até hoxe. Sempre me chamou a atención que aínda que fose necesaria esta decisión nese momento, nunca- que eu saiba- a oposición de esquerda na lexislatura na que gobernaba o PP, formulou pregunta algunha para que con tempo abondo o concello procurase terreos para un edificio propio e axeitado dun Conservatorio Profesional .

Compartir el artículo

stats