A partir do século XII cobra importancia unha mentalidade anovadora que procura a liberdade do individuo, a forza da natureza e a liberación do mito do pecado que tiña aferrollado o es-píritu das xentes. Unha especie de racionalismo esencial tenta suavizar a opresión feudal ao tempo que arremete contra o inmoral e hipócrita das mensaxes eclesiásticas. O ainda nacente mercantilismo e a independencia económica estimularían o individualismo e a nuclearización da familia, dándolle chance á creación dunha situación xurídica (a participación das féminas na reconquista e repoboacións tiñan moito que ver tamén) que viría case igualar á muller co home ao menos no que se refire a dereitos de herdanza.

Os labregos vense liberados en parte da presión feudal e os vincallos de dependencia señorial sofren un relaxamento, todo de cara a procurar as roteas das terras e a transformacións dos cultivos (bacelos, frutais...), evitando así a atracción das vilas e cidades. Esta época da Idade Media vai ser, antetodo, dunha creación, dunha aprendizaxe e de tal anovamento cultural, que mesmo impregnaría ao pobo. O amor trovadoresco tenta transformar tamén a realidade imperante de pasividade feminina convertendo á muller (dotada de moralidade) en núcleo de recuperación da personalidade do home que se enfrenta contra o autoritarismo moral (eclesiástico) e patriarcal (da vella familia petrucial) e contra a negación das liberdades individuais (feudalismo).

O chamado amor cortés toma o nome da corte señorial sendo as súas notas predominantes a sinceridade e a lealdade (fidelidade) constituíndo a través das súas manifestacións literarias, unha especie de ars amandi da sociedade feudal imperante. Os principios e costumes feudais van ser, en principio, a causa do xurdimento desta teoría amorosa que tamén se verá moi in-fluenciada por tratados clásicos da arte amatoria e de elementos culturais, sociais, políticos e relixiosos que, ao se combinaren, contribuirían a crear esta idea (ideaIización) da muller e do amor. Nesta especie de conquista social feminina tería tamén moito que ver a permisividade eclesiástica no acceso aos mosteiros de damas da alta sociedade e o desenvolvemento do culto á Virxe da man dos cistercienses. Isto serviría para prestixiar e categorizar positivamente á muller ao considerala capaz de exercer dominio e señorío, dómina e señora.

O amor cortesano toma a súa idea básica de conceptos relixiosos e dos valores xerárquicos da sociedade feudal, considerando á muller como un ser superior e adaptando a mesma postura social que o vasalo (home namorado) ante o señor (a muller). Mais a amada non é chamada muller senón dama, apelativo este que aparece caracterizado nos poemas baixo a forma de mia senhor, tomada do provenzal midons ou sexa meus domino. Outras formas e ideas poéticas que inciden neste aspecto tamén proveñen da terminoloxía feudal do rito simbólico da vasalaxe e da homenaxe, trasvasadas ao amor. Así, prodúcese un xeito de defensa cabaleiresca da dama onde servir significa amar, estar namorado dela e facerlle xuramento de amor e fidelidade (vasalaxe).