O adro de Sanamedio volveu ser onte un recinto de festa. Dunha festa para celebrar e reivindicar o máis noso: a lingua e a cultura. Non é casualidade que os organizadores lle escollesen a Nela Álvarez como pregoeira desta XIX Romaría das Letras Galegas-II Festival das Letras Galegas. Unha muller e mestra no mesmo ano no que a Real Academia Galega (RAG) decidiu adicar o 17 de maio a outra muller, tamén mestra e escritora: María Victoria Moreno. "Van 55 anos de celebración das Letras Galegas e ata agora van poucas mulleres, só catro contando a María Victoria Moreno. Pero no futuro vaise equilibrar un chisco máis. Unha das características do despegue da literatura galega actual é a eclosión da literatura femenina e feminista, da visión do mundo desde a perspectiva da muller e niso ten moito que ver a autora que homenaxeamos este ano", asegurou durante o seu pregón Nela Álvarez.

Tampouco é casualidade que esta festa da cultura celébrese neste fermoso entorno de Bon, con vistas á ría de Aldán e Pontevedra e ao carón da capela de Sanamedio ou San Mamede. Un monolito lembra que un dos grandes trobadores da lírica galega, Johan de Cangas, xa lle cantou hai oito séculos a este lugar. A importancia das raíces foi precisamente un dos eixos do discurso da pregoeira, que puxo como exemplo a historia mitolóxica entre os xigantes Anteo e Hércules. O primeiro era fillo da Terra e Hércules non foi quen de vencelo ata que logrou que o seu rival despegase os pés do chan. "A necesidade de cultura e de soños é o que nos distingue do resto de seres vivos, unha necesidade que se expresa na lingua propia do país, no noso caso o galego. Por iso é tan importante esta celebración: lémbranos cales son as nosas raíces", insistiu a pregoeira, que lembrou "os destrutivos e corrosivos" efectos daquela longa noite de pedra que foi o franquismo, en verbas de Celso Emilio Ferreiro. "Non só nos meteu o medo nos ósos, senón que inoculounos un veleno peor: que o noso non vale ou vale menos, polo que por extensión nós valemos menos. Pero a identidade e o orgullo de ser nós é o que nos fai diferentes e atractivos, tamén para os demais. Somos persoas, non ovellas Dolly", defendeu Nela Álvarez no seu pregón.

A figura de María Victoria Moreno é quizais un dos mellores exemplos de amor pola cultura e pola lingua. Nada en 1939 en Extremadura, de pai toledano e nai malagueña, chegou a Galicia na década de 1960, comenzando o que ela mesma denominou como "unha historia de amor" coa terra e a súa lingua. "Se Galicia non me é indiferente a súa fala tampouco. Se estou coa xente que amasa o meu pan e colle os peixes da miña mesa tamén quero falar con eles, falar a súa fala", dixo nunha ocasión, tal como lembrou onte a pregoeira.

O discurso de Nela Álvarez foi o punto de inicio da longa programación de actividades deseñada pola Asociación Cultural Sanamedio e o Grupo de Danzas Pais de San Roque. Ao longo da mañá actuaron o grupo de adultos de Pais de San Roque e Os Liboreiros, o grupo María Soliña e as pandeiretas de Trikoloma, houbo un recital poético con Míriam Ferradáns e xogos populares. Pola tarde foi a quenda do festival infantil cos máis novos de Pais de San Roque e de actuacións dos Chaneiros de Marín, Retrouso, Os Muloos ou os contacontos de Polo correo do vento.

O calor e o bo tempo acompañaron para pasar a xornada no Sanamedio, onde había cantina, postos de artesanía e ata unha tómbola. Un verdadeiro día de festa, aínda que durante o resto do ano tamén debería estar presente o motivo desta festa. "O día das letras debería ser todos os días, por iso quero rematar desexando mil primaveiras máis para o galego, como dicía Cunqueiro. Pero isto depende de nós: unha lingua vive se os seus falantes a usan todos os días", concluíu Nela Álvarez no se pregón.