| Os alumnos da Escola Municipal de Música e da Escola Tradicional de Música de Moaña ofreceron onte, na carballeira de San Martiño, un concerto conxunto para celebrar o Día das Letras Galegas. Por parte do primeiro centro actuaron os integrantes da banda xuvenil e por parte do segundo os da banda de gaitas. Cada unha desas formacións interpretaron tres obras. Finalmente, a mellor parte do concerto foi cando se xuntaron para tocar tres temas conxuntos, para facer ás delicias dos presentes. Tocaron o Pasodobre de Pastoriza, o Viva Moaña e a Marcha do Antigo Reino de Galiza. Para conmemorar este día pola mañá representantes do Concello fixeron entrega aos colexios de libros da autora homenaxeada, María Victoria Moreno. Hoxe en Moaña os actos centrais estarán no palco da música, a partires das 19.30 horas, cunha actuación das agrupacións folclóricas do municipio.