O colexio de Montemogos-Beluso vén de abrir a súa Semana Cultural e das Letras Galegas, unha das iniciativas máis lonxevas da comarca e que este vai xa pola edición número 31. Deporte, saídas, exposicións, contacontos e visitas de autores son algunhas das actividades que conforman a programación que se vai prolongar ata o vindeiro 25 de maio.

O alumnado xa tivo a ocasión de desfrutar dunha saída ao entorno de Cabo Udra, cunha visita á aula da natureza de Cabo Udra, e onte estivo na biblioteca da escola a autora María Canosa, que compartiu a mañá co alumnado de primeiro a cuarto de Primaria. A xornada de hoxe terá dous invitados. O inspector veterinario Manuel Jiménez estará cos estudantes de 5º e 6º para falarlles de microbioloxía. O segundo invitado é un directivo da Cultural Deportiva Beluso, Francisco Miranda, que estará co alumnado de primaria.

As actividades retómanse a vindeira semana cunha nova visita, esta vez da autora Ana Alonso e cun acto en lembranza de María Victoria Moreno, a homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. O martes haberá unha sesión de contacontos con "O peixe arco iris", así como a presentación das poesías e cancións recollidas no obradoiro de memoria que se leva a cabo na Casa do Pobo de Beluso. Ambos actos serán no salón de actos do colexio.

As novas tecnoloxías tamén terán a súa cuota de protagonismo nesta Semana Cultural. O mércores 23 está prevista a conferencia "Navega con rumbo", coa presenza de membros do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, unha charla dirixida aos estudantes de 4º a 6º de Primaria. O xoves 24 na biblioteca haberá unha actividade de carácter musical, "Mergullándonos na música", e o colofón será o tradicional torneo cuadrangular de fútbol sala, no que participan os colexios A Torre, A Pedra, Virxe Milagrosa e o anfitrión.

A maiores, durante estes días haberá no centro educativo unha exposición coa biografía e obra de María Victoria Moreno; unha mostra titulada "Mulleres", cedida polo IES Plurilingüe A Paralaia e que estará no corredor de acceso á biblioteca; e outra titulada "75 anos do Principiño", na propia biblioteca do colexio Montemogos.

Esta Semana Cultural está organizada polo equipo docente, a ANPA Cabo Udra e os equipos de dinamización lingüística e da biblioteca. Conta ademais coa colaboración do Concello de Bueu, Fundación Novas e a editorial Anaya.