A parroquia de Coiro vive esta fin de semana a súa tradicional Festa do Muíño, unha celebración que organiza Cacarexo e que está a piques de chegar aos 30 anos de traxectoria. A paertura oficial das actividades tivo lugar onte cunha charla no centro cultural de Coiro, onde o veciño moañés e investigador Manuel Uxío García Barreiro falou da importancia da cultura do millo no ámbito da comarca do Morrazo.

Hoxe os actos divídense en dous escenarios. Pola mañá, a partir das 11.30 horas, haberá unha festa infantil organizada por Tromentelo no colexio de Castrillón con atraccións, xogos, caramelos e flocos de millo. O resto da programación vaise desenvolver no entorno do muíño de Fausto, no lugar da Rosada. Durante a fin de semana poderase visitar a exposición "A carón do Muíño de Fausto", de Henrique Prado. A música será a gran protagonista da tarde de hoxe. A partir das 18.00 horas haberá un festival infantil de baile tradicional no que intervirán o Grupo de Baile Pais de San Roque, Tromentelo, Peis D'Hos e Lembranzas da Ría. Pola noite haberá un concerto com Tres por Catro Folc, que acude a presentar disco, e Fiandola.

Mañá domingo será o día grande das celebracións. As 11.00 horas sairá desde as pistas de atletismo de Verín unha ruta guiada que percorrerá os muíños de Coiro coa colaboración da Asociación A Illa dos Ratos e o Concello de Cangas. Ás 12.30 horas, como preludio do pregón, haberá unha actuación da Banda de Gaitas Tromentelo. O pregón será ás 13.00 horas e nesta ocasión a invitada é a actrizz Casilda Alfaro. A última actuación será a partir das 18.00 horas, con As Cantigas de Elena e grupo de zanfonas Os Chavellos.