Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro profesional: Teatro do Morcego(II)

"Os vellos non deben namorarse" e "Morte accidental dun anarquista" son dous dos títulos do amplo currículo da compañía

"Os vellos non deben namorarse"

Celso recoñece que foi seu profesor Ricardo Carballo Calero, quen lle transmitiu a admiración pola obra de Castelao sobre as escenas simbolistas do sapo, dos cadros e ventás falantes, aportación moi novidosa para súa época e da que deu orixe ao nome do grupo tal como describe Inma López Silva despois de analizar os estudos de Castelao en París (1921). Comenta Inma que: Non foi casual que en 1989, cando Celso Parada e Isabel Ávila, trala experiencia de Teatro Estable María Soliño, forman unha compañía profesional de teatro...e que puxera en marcha unha conceptualización galega e galeguista do noso teatro nacional... Seguiu comentando Inma López como Castelao quedou marabillado en París co Téâtre du Chauve-Sauris de Nikita Balieff. Así é como definen os franceses aos morcegos, chauve-souris, que en tradución literal equivalería a ratos calvos.

Desa clara homenaxe a Castelao e a súa farsa de tres vellos imprudentes que perden a cabeza por tres mozas novas e acaban morrendo dun xeito traxicómico. Desa admiración e en contra de moitas opinións que desprezaron a obra de Castelao, nace o nome de Teatro do Morcego e a súa montaxe deste clásico galego, polo menos en tres períodos diferentes, e todas dirixidas por Celso Parada para ser vista por toda xeografía galega e incluso en Portuagal. A primeira etapa entre o ano 2000 e 2005, contou coa participación de actores e actrices de alto renome como Marián Bañobre, Miguel Varela, Andrés Giráldez Río, Casilda Alfaro, Maxo Barjas, Miguel Borines Fernández, Miro Magariños, Alberto Barreiro "Warren", Mundo Villalustre e o propio Celso Parada entre outros. Na etapa 2010-2011, fora presentada no Centro Cultural de Caixanova de Vigo e no Salón de Teatro de Santiago para despois poder ser levada polos diferentes circuítos teatrais de Galicia, traballaron Celso Parada, Miguel Borines, Mónica Camaño, Andrés Giráldez, Celia González, Elina Luaces, Iolanda Muíños, Miguel Pernas, Eduardo Cunhas "Tatán", Miguel Varela, María Veiga, Mundo Villalustre e Cristina Mariño. Para esta etapa a escenografía correu a cargo de Pablo "O Pastor".

A Compañía Gallega de Comedia Maruxa Villanueva, estreou no Teatro Mayo de Bos Aires o día 14 de agosto de 1941, a peza Os Vellos non Deben Namorarse, escrita como xa repetimos por Alfono R. Castelao, e para conmemorar o septuaxésimo quinto aniversario, a Deputación de Pontevedra, con motivo do ano de Castelao, programou en 2016 varios actos, entre eles a presentación en dez concellos desta peza a cargo, como non, de Morcego. Nin que dicir ten, que a obra foi exhibida máis alá da programación inicial, no tempo e nos lugares, chegando incluso ata o Auditorio Municipal de Ourense. Para esta ocasión a escenografía correu a cargo de Leandro Lamas. O vestiario de Carlos Alonso e a iluminación de David Deive. Entre o reparto repetiron das versións anteriores Celso Parada, "Tatán", Miguel Borines, Mundo Villalustre, Mónica Camaño, Celia González, Elina Luaces, María Veiga e as que se integraron Josi Lage, Blanca Francés ou Rosa Estévez, e últimamente Daiana Estévez a moañesa Anabel Budiño en 2017.

A finais de xuño de 2017, programouse dentro da segunda celebración da festa medieval Moaña Antiqua, a presentación desta obra, con certas reminiscencias nostálxicas porque se montou un palco ao aire libre no adro de arriba da igrexa de San Martiño; emulando as veladas teatrais do Catecismo que se fixeron dende 1933 ata finais dos anos setenta do pasado século.

Compartir el artículo

stats