Esta obra escrita polo premio Nobel de Literatura en 1997, o italiano Darío Fo, foi para Celso outras das predileccións para súa montaxe debido a que quedara fascinado cando contemplara a primeira escenografía no salón de actos do Vicerreitorado de Santiago, mentres estudaba Filoloxía Galega-Portuguesa nos anos 1977/8. Alí poido admirar como o Grupo Espolón de Madrid a representaba maxistralmente.

Esta comedia baseada nun feito real acontecida en Estados Unidos no ano 1921, na que un emigrante anarquista italiano caeu sospeitosamente do décimo cuarto piso da Comisaria de Nova York, algo semellante que tamén lle pasaría a un ferroviario na Xefatura de Policía de Milán, supuxo para Celso Parada unha trama interesante en comezou a ensaiala co Grupo Ateneo de Moaña en 1977. Daquela ensaiaban na Casa da Mocidade de Moaña os membros Manuel P. Rúa, Chelín Rodríguez Blanco, Xan Budiño, Celso Parada, Serafín Parcero e Jesús Cancelas Collazo pero por diferentes motivos, entre eles a dun militante da AN-PG, organización á que pertencían algún dos compoñentes do grupo de teatro, e a quen non lle gustaba o título e quixo cambialo, cousa que produciu malestar e axudou a non rematar a montaxe. Velaí os paradoxos da vida contra aquel egrexio sabio, pois, á larga, resultou que foi unha das principais obras que lle aportarían o Nobel a Darío Fo. Sería máis tarde, en 1999, cando Morcego, xa como compañía profesional de longa traxectoria, se atreveu a montar este espectáculo simbólico, convencidos de acadar un alto éxito, tal como así aconteceu. Para esta ocasión, a dirección estivo a cargo de Xoán Cejudo, en tanto que o elenco estivo representado por Damián Contreras, Salvador Del Río, Casilda Alfaro, Miro Magariños e Celso Parada representando ao Tolo e que se fai pasar por personaxes diferentes ata que vai descubrindo que o famoso raptus que se lle dá ao anarquista para tirarse pola ventá, non é tal raptus, senon que era un asasinato moi usual nas comisarías. Da escenografía encargouse O Pastor e do vestiario Bernarda.

Morte Accidental dun Anarquista, montada por Morcego no Café Teatro de Moaña e foi estreada o día 23 de marzo de 1999 no Teatro Principal de Santiago, durante a celebración da Feira de Teatro de Galicia. Despois percorreu a Rede e Circuítos Teatrais de Galicia e varias xiras por Portugal. Tamén retornaron a pequena e tradicional sala Versus de Barcelona, logo de acadar aquel grande éxito en 1996 de Os Patios da Memoria. En Barcelona estiveron dende o 29 de xuño ata o 18 de xullo de 1999, enchendo tódolos días as 150 butacas, cun prezo de dúas mil pesetas persoa (dez veces máis que en Galicia). Recórdanos Celso, cando os policías cantaban durante a obra o himno anarquista "A las Barricadas", producíase un momento delirante e inesperado para o público. En Barcelona chegaron a ter os parabéns de Mario Gas, uruguaio con dobre nacionalidade, unha das figuras máis relevantes das artes escénicas españolas como actor, director de cine, de teatro español e actor de dobraxes.

Na bisbarra, esta obra foi presentada no mes de abril de 1999 na Casa de Cultura de Cangas e no mes de setembro recuncou ao mesmo lugar dentro da programación da Mostra Internacional do Teatro Cómico e Festivo. En Moaña houbo que agardar ata o día 13 de novembro para admirala no Cine Veiga coa celebración dos Circuítos Teatrais II Memorial Francisco Veiga Alfonso.