A aldea de Meiro, en Bueu, pecha hoxe con preto dunha ducia de actividades o XX Encontro-degustación do Millo Corvo organizado pola Asociación Cultural e celebrado durante a fin de semana. A xornada comezará coa apertura da Ecotaberna e a exposición e venda de produtos naturais e orgánicos. Ao mediodía, o historiador Xavier Castro impartirá a charla titulada "Álvaro Cunqueiro, millo e cultura do viño", previa á cata-degustación de Adega Leive para os inscritos. A continuación, ás 13.00 horas, o fitoterapeuta e naturópata Siegrun Bischof impartirá un obradoiro sobre "elaboración de zume verde de plantas silvestres".

A música e o baile tradicionais chegarán á unha da tarde coa actuación das pandereteiras Novas Amistades de Nespereira, de Pazos de Borbén, e despois dun paréntese para xantar retomaranse as actividades, pero ao ritmo lento de Convivium Galicia Litoral cun "xantar de vagar slow food" e un obradoiro de cociña con dous produtos do proxecto Arca do Gusto millo corvo e requeixo, que conta coa colaboración de Campo Capela Sociedade Cooperativa Galega.

Outros dous obradoiros de gastronomía e produtos tradicionais virán a continuación. Ás 17.00 horas, "Lácteos: iogur, queixo fresco. Tarta de queixo de cabra con millo corvo", impartido por A Meixoeira SCG, e media hora despois. "Fiado e tinguido de lá", a cargo de Alpacas As Bolboretas. Ás seis da tarde, a antropóloga social Gabriela Gutiérrez Espinosa impartirá a charla "Y se hizo la luz: el maíz como eje de la cultura mesoamericana, que inclúe un obradoiro de cociña sobre tortitas mexicanas. Pechará a xornada cunha actuación da agrupación folk Pédepötè, de Mondariz.

Así, a música tradicional servirá de epílogo a un "Encontro-degustación do Millo Corvo" que cumpre dúas décadas situando á aldea de Meiro no epicentro da cultura gastronómica. Esta 20ª edición comezou o venres cunha muiñada nos Muíños do Canudo, xornadas educativas, gaiteirada e queimada, e continuou onte cun roteiro medioambiental, charlas, obradoiros e degustación de produtos tradicionais , como mirabeles do Rosal, petiscos e cervexa de elaboración artesanal, entre outros manxares.