Na Casa da Música de Moaña deu comezo este xoves o obradoiro Música para o Apego, que programou a Concellería de Normalización Lingüística con parte das familias acollidas ao programa homónimo que ten o obxectivo de proporcionar recursos aos pais para criar aos seus fillos na lingua propia de Galicia.

Unha decena de familias con cativos de entre 0 e 3 anos participan no obradoiro que imparte a profesora da Escola de Música María González Graña co obxectivo de, a través de pezas musicais en galego, achegarlles ás familias "recursos a través das cancións, dos recitados e dos xogos musicais".

O obradoiro, que se prolongará todos os xoves dos meses de abril e maio, emprega distintos obxectos para enriquecer e impulsar a experiencia musical dos pequenos, e leva a cabo actividades dinámicas e motivadoras para estimular aos nenos e comezar a desenvolver neles a musicalidade.

Diante das familias o edil de Normalización, Aldán Santamarina, prometeu organizar máis actividades este ano coas familias que participan no programa Apego para socializar aos nenos en galego. "A participación e interese pola lingua propia nos parece moi interesante, sobre todo tendo en conta as baixas estatísticas de emprego do galego entre os escolares moañeses", indicou.

"Con este obradoiro favorecemos, a través da música, a relación dos pequenos co grupo e coas familias", conclúe a profesora.