A aldea de Meiro abre hoxe a vixésima edición dos encontros ao redor do seu emblemático millo corvo. Van ser tres días con actividades para todos os públicos: roteiros, charlas, obradoiros, música tradicional... e por suposto degustación de produtos feitos coa fariña do millo corvo. A partir das 18.00 horas comeza a muíñada e as xornadas educativas no Canudo, que pola noite terán a súa continuidade cos gaiteiros de Árdelle o Eixo e a tradicional queimada.

- Como afrontan estes novos Encontros-Degustación do Millo Corvo, que comeza hoxe coa tradicional muíñada no Canudo?

-Esta edición é especial xa que despois de vinte anos, a festa continua.

- Na presentación oficial dos Encontros facíase fincapé na dobre vertente do millo corvo. Non é só unha celebración gastronómica, senón que tamén ten un compoñente cultural coa recuperación da cultura tradicional.

-Tanto a faceta gastronómica como a cultural son inseparables, xa que o acto de comer é intrínseco a cultura de cada lugar, a gastronomía varía según as rexións, non se come do mesmo xeito no norte ca no sur?

- Os Encontros deste ano volven a apostar por unha programación ampla e variada, con obradoiros e charlas de temática diversa. Que destacarían do programa deste ano?

-As numerosas actividades que se realizarán este fin de semana, roteiro medioambiental, charlas, catas e degustacións, obradoiros de artesanía e cociña, e actuacións musicais. Destacaríamos as xornadas educativas que terán lugar no muiño da Presa hoxe cos alumnos do colexio San Roque de Darbo.

- O millo corvo foi o primeiro produto galego en formar parta da Arca do Gusto. Unha das actividades do programa: o Convivium Galicia Litoral-Xantar de Vagar Slow Food. Supoño que dalgunha maneira será unha reivindicación da gastronomía tradicional fronte á cultura da comida rápida?

-Efectivamente, o millo corvo foi o primeiro produto galego que tivo ese recoñecemento, no ano 2006. Foi incluído no catálogo el Arca del Gusto por ser un producto de excelencia gastronómica e ser un alimento bo, limpo e xusto. Preténdese reivindicar aquelas variedades que sexan respectuosas co medioambiente e a biodiversidade local, e que ademais teñan valores etnográficos e culturais. Actualmente hai mais produtos e un deles vainos acompañar este ano, que o requeixo de Campo Capela. Vaise facer un obradoiro de cociña destes dous produtos que están dentro da Arca do Gusto.

- Para aquela xente que aínda non coñeza o millo corvo, que lle diríansobre as súas propiedades para que se animen a vir a Meiro esta fin de semana?

-E moi beneficioso para a saúde. En primeiro lugar o seu cultivo é natural, libre de tóxicos, según varios estudios, a singularidade da súa cor fai que teña un alto contido en antioxidantes. Ademais, o seu sabor é diferente do de outras variedades de millo.

- Os últimos meses foron bastante atípicos desde o punto de vista climatolóxico. Como foi a colleita deste ano do millo corvo? Volveron a ter a visita do xabarín?

-A colleita foi bastante boa, aínda que como todos os anos temos pérdidas por culpa das visitas frecuentes dos xabaríns. A pesar de todo o que facemos para impedilo, consiguen facerse con parte da colleita.

- Teñen algunha estimación de cantas leiras ou canta xente hai en Bueu que volva a cultivar o millo corvo? Teñen constancia de se o millo corvo traspasou as fronteiras de Meiro e Bueu?

-Non temos contabilizadas as leiras que se cultivan, xa que se fai a nivel particular. Sabemos que se está cultivando en moitos lugares con climas diferentes e se da moi ben, é moi resistente.

- Cren que as institucións apostan pola recuperación desta manifestación da cultura tradicional, que ten a consideración de Festa de Interese Turístico de Galicia?

-A nivel institucional, pensamos que hai un esquecemento desde fai xa bastantes anos, a pesar de ser unha festa coñecida e recoñecida. Todos os anos empezamos de cero, desde as institucións non se aposta por esta festa, non contamos con un apoio mínimo nin continuo no tempo, por exemplo, a edición anterior soamente contamos co apoio de dous grupos acollidos ó Pontegal. Para este ano, temos confirmado ó apoio do responsable de Cultura do Concello de Bueu e da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal. Gustaríanos contar con un apoio institucional que se prolongase no tempo, para así poder organizar a festa con outra perspectiva e garantías, para poder seguir innovando e mellorando en cada edición.