A 9ª edición do Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo "Citeamor", arrincou onte coa representación no Auditorio de Cangas da obra Chicago Killers, escrita por Jessica Roade e interpretada polos actores de Atrezo Teatro, dirixidos sobre as táboas por Chelo Pampillón.

Antes de que comezase a representación o actor moañés Adrián Ríos, recoñecido nestes momentos pola súa participación na exitosa serie Fariña, encargouse de ler o pregón do Citeamor 2018. Tras buscar a complicidade do público presente recoñecendo que era o seu primeiro pregón, indicou que ao escoitar xuntas palabras como "teatro", "escolar" e "afeccionado" lembrou os seus comezos no oficio. "Véñenme á cabeza as palabras que me xurdiron por aquel entón: Ilusión, aprendizaxe, traballo. A día de hoxe estas palabras non desapareceron da miña cabeza cando penso nesta arte". Realmente son o motor desta fermosa maquinaria que se chama teatro", relatou.

Para Adrián Ríos o teatro afeccionado e escolar é "a base e o xerme do teatro. E gústame pensar no Morrazo como núcleo deste xerme, que adica dous meses ao ano a este teatro".

Tras explicar aspectos da arte do teatro como a aprendizaxe con cada personaxe ou a ilusión por transmitirlle ao público, o pregoeiro lembrou aos presentes que é posible chegar a ver a moitos dos actores do Citeamor deste ano en ámbitos de éxito nun futuro.

A obra Chicago Killers tomou despois o relevo. Trátase dunha comedia ambientada na Illinois dos anos 50, en medio dunha oleada de crimes, corrupción e manipulación mediática.

Todos os martes

A obra de onte foi a primeira das que se representarán no ciclo deste ano. Os afeccionados ao teatro poderán gozar de obras cada martes a no Auditorio ata o 12 de xuño.

A vindeira semana, o 10 de abril, Teatro Aberto porá en escea a obra Mulleres da mar tendida. Despois DOA.Furafollas Teatro representará Love me tender. Escenas de microteatro.