Ten 28 anos e naceu con el esa vocación, como a tantos outros de Moaña e de toda a comarca de O Morrazo, tan prolífera en actores e actrices, de dedicarse ao mundo da interpretación.Adrián Ríos ten vocación de actor pero tamén formación, de feito recoñece que esta profesión é vocacional pero se non se traballa non se avanza nin se medra como artista. "A interpretación é unha aprendizaxe constante", señala o actor que saborea o éxito da serie de television "Fariña" onde representa a Petete. Mañá será o pregoeiro da novena edición do Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo (Citeamor), as 20:00 horas no Auditorio de Cangas.

-Que ten esta comarca para xerar tantos actores/actrices?

-Será toda a tradición e historia de teatro que hai nesta comarca dende hai tantos anos. É marabilloso saber que aquí se leva apostando polas artes escénicas dende hai moito tempo con mostras, circuitos teatrais, grupos de teatro (profesionais e amadores)? Poucos sitios coñezo que teña tanta concentración de artes escénicas en relación aos habitantes que hai. Iso si, non creo que estea compensado cos espazos que debera haber para mostrar o teatro. Non ten sentido que en Moaña aínda non haxa un auditorio, por exemplo.

-Como xurdiu a súa participación en Fariña?

-En primeiro lugar, gracias a María Salgueiro. En decembro de 2016 coincidimos gravando un spot para o Concello de Cangas e me falou de Conchi Iglesias, a directora de casting da serie, que aínda estaba buscando actores. E en segundo lugar foi gracias a Conchi que, despois de ver o meu material e que encaixaba no perfil que estaba buscando, se puxo en contacto comigo para citarme ao casting. E como resultado desta probaobtiven o papel de Petete na serie. A participación en "Fariña" é das mellores cousas que me pasou ata agora en todo o que levo de carreira, obviamente sen desmerecer todos os demais traballos que fixen. Pero é impresionante e moi emocionante traballar nun proxecto desta envergadura para emitirse nunha cadena nacional como Antena 3 e facelo coa productora Bambú e, máis aínda, tendo a oportunidade de traballar xunto a pesos pesados da interpretación como Javier Rey, Tristán Ulloa, Manuel Lourenzo, Carlos Blanco, Antonio Durán "Morris", entre outros moitos.

-De que papel síntese máis orgulloso?

-Sei que soa a tópico, pero todos teñen algo único. Máis que de orgullo debería falar do que me aporta cada personaxe. É fantástico poder interpretar diferentes personaxes en diferentes idades e etapas da vida, porque cada momento che aporta algo diferente e único a personaxe que interpretas. Iso é das partes máis bonitas desta profesión. O ano pasado tiven a oportunidade de estar compaxinando a personaxe de Petete na serie "Fariña" coa personaxe de Eduardo Pondal na obra de teatro "Fillos do sol", e foi magnífico estar entrando e saíndo en dous mundos totalmente opostos. Ás veces era demasiada tolemia estar cambiando de narcotraficante a poeta, pero era unha viaxe incrible.

-Cree xusta as demandas de mulleres de máis papeis nas direccións?

-Claro. Non ten ningún sentido a discriminación que está habendo neste sector e en todos. Pero non é só na dirección. É tamén nos equipos técnicos, nos equipos de produción, de guión?e na interpretación! En xeral, só o 40% dos papeis que se escriben son femininos e, aínda por riba, eses papeis non comprenden todas as idades senón que normalmente son para facer personaxes de rapaza nova ou de muller de avanzada idade. E despois hai que sumarlle outro problema: non ten ningunha lóxica que un personaxe feminino veña descrito nun guión como "muller de", "filla de", "irmá de", "amiga de", "nai de" e un longo etcétera, non pode permitirse! E por outro lado, non se pode estar premiando como algo "exclusivo" que de repente haxa un traballo levado integramente por mulleres, iso ten que ser o normal. Porque se eses traballos van seguir pertencendo á exclusividade ou á rareza, dende logo que por ese camiño non van cambiar as cousas. .

-Hai acoso nesta profesión?

-Pois por desgraza si. Quizais bastante máis do que se publica e temos constancia. E se non saen máis casos destes á luz será porque non existe un amparo cen por cen real das leis fronte a estes abusos.

-Que opina do Citeamor?

-É marabilloso que exista tanta diversidade de certames teatrais no Morrazo. E o Citeamor debe ser fundamental. O teatro afeccionado e escolar é a plataforma ideal para todas aquelas persoas que queren descubrir a súa vena interpretativa e comezar a probar co teatro. E ter un espazo de encontro co público é básico. Eu se non fora polo teatro escolar e afeccionado non tería descuberto a miña vocación por esta profesión. O pregón irá enfocado nese sentido: o que significou para min comezar nun ambiente escolar e afeccionado e o importante que considero que existan certames como este.