Lirilampo Teatro xurdiu no ano 1997 como resultado dun curso de teatro organizado polo departamento de Cultura do Concello de Cangas, e impartido polo director pontevedrés Anxo Lourido. Finalizado o curso, aquel grupo de alumnos sen experiencia previa nas artes escénicas viu a oportunidade de emprender un proxecto artístico. Recordo que aquela iniciativa tiña moito de lúdica, tanto que case se podería dicir que nos xuntabamos para xogar.

Con todo, o traballo do director, Anxo Lourido, foi creando aos poucos o xermolo do que rematou sendo Lirilampo Teatro. Vinte anos despois non quedan máis que os recordos duns poucos que iniciamos o proxecto. Certamente, o grupo foi escasamente prolífico, pero o seu valor e innegable hoxe en día.

Sen sabelo, a estraña combinación da inocencia daqueles xogos teatrais en torno á obra "Teledeum" de Albert Boadella, xunto coa irresponsabilidade que implicaba choutar a escuras entre os restos da discoteca Saturno 3 (lugar habitual dos ensaios), foi o xermolo sobre o que se asentan hoxe en día boa parte das iniciativas do teatro afeccionado en Cangas.

Durante a súa curta existencia o grupo participou en numerosas accións de protesta, a maioría encamiñadas a pedir a construción do auditorio municipal. Tamén participou no "Concerto Expansivo" que se celebrou por toda Galicia en protesta contra o desastre do Prestige.

"Teledeum" foi a primeira montaxe de sala de Lirilampo Teatro. Estreouse no auditorio da Casa da Cultura de Cangas en 1998. Houbo que esperar ata o ano 2002 para ver a segunda, xa que Lirilampo foi o grupo escollido para actuar no castelo de Soutomaior durante os actos de conmemoración dos douscentos anos da Batalla de Rande. Tratábase dun espectáculo onde algunhas das figuras maís senlleiras da historia de Galicia- Pedro Madruga, Roi Xordo ou María Soliño entre outros- compartían escenario.

Os espectáculos de rúa foron moito máis abundantes na traxectoria de Lirilampo. Entre eles destacan "Ghas" en 1999, "Paco Pixiñas" no ano 2000, "Sobrevivindo o Nadal" en 2001, ou os espectáculos realizados na praia de Rodeira as noites de San Xoán dos anos 2001 e 2003. Asemesmo, Lirilampo tamén presentou varios anos os certames de comparsas do entroido cangués.

Pero non foi ningunha destas actuacións xa esquecidas o mellor legado deste modesto grupo teatral. Sen dúbida, o mellor foi o que aínda perdura.

O traballo nos anos sucesivos deTeatro de Cadaquén ou Codia e Miolo, que divirten e crean cultura teatral, deron continuidade o proxecto. Ou o traballo de Rosi Figueroa coas escolas de teatro, que educa ao mesmo tempo que garante o futuro do teatro en Cangas é algo extraordinario.

Pero o mellor de todo, o fundamental, o que debería animar a cada mozo e moza a emprender proxectos de calquera tipo son as amizades feitas e os momentos vividos, porque perduran para sempre.

Rematando este breve recordo podemos dicir que a actividade de Lirilampo Teatro foi breve e duradeira á vez. Que aquela mínima inversión deu un gran valor de presente que ha de ser de futuro. Que investir en cultura une aos pobos.

TEATRO DE CADAQUÉN

Da canteira de actores que pasaron por Lirilampo, tres de eles -Manuel Chapela, José Calvar e Sergio Casás-, que eran amigos dende cativos, deciden fundar o seu propio grupo teatral. Así xurde no ano 2001 Teatro de Cadaquén. Durante estes case 17 anos de vida, dous foron os obxetivos principais da nosa asociación, e así están recollidos nos nosos estatutos: o primeiro é potenciar o uso do idioma galego, e o segundo facer rir a xente.

Baixo estas dúas premisas naceron as nove obras e multitude de sketchs xurdidos ao longo destes anos da absurda imaxinación de Teatro de Cadaquén, sempre creacións propias. Porque o absurdo foi sempre a base do noso humor, mesturado cun humor autóctono galego-cangués.

O 17 de agosto de 2001, estréase no Café Teatro de Moaña a súa primeira montaxe:" OsRebentacontos I", dirixida por Anxo Lourido. Un texto de José Calvar, onde os contos clásicos se analizaban dun xeito moi diferente ao habitual hoxe en día, e volvendo as raíces primixenias destes, mesturado con humor para adultos.

"Os Rebentacontos" nun comezo foron tres funcións independentes (a segunda foi estreada o 31 de agosto e a terceira o 21 de setembro), baseadas en tres dos contos máis populares: "Carrapuchiña Vermella", "A Cinsenta" e "A ajuaneira fachendosa". No ano 2002, en plena crise do Prestige, estreouse no Auditorio de Cangas, una versión que unía as tres partes, nesta ocasión baixo a dirección de Segio Casás.

No ano 2003 Cadaquén comeza unha nova andaina baixo a dirección de Rosi Figueroa, que durará ata o ano 2010. En todas as obras a partir deste ano o elenco estivo formado polos tres actores fundadores de Teatro de Cadaquén. Para a primeira obra baixo a dirección de Rosi, organízase unha tormenta de ideas. A proposta que máis nos gustou non podía ser máis absurda: a viaxe polo interior do corpo humano dun garbanzo e as aventuras que lle acontecen na procura de acadar o seu soño. A obra titulouse" Historia dun peido" e foi estreada no Auditorio de Cangas no 2004.

No ano 2005 estréase" O Gran Circo dos Gluóns". Un conxunto de monólogos que lle daban voz os gluóns (os átomos intelixentes de cada cousa), para que nos trasladaran as súas historias, queixas ou inquedanzas. Gluóns como unha pola de loureiro que se queixaba pola deforestación que eles sofren cando chega a época dos furanchos, ou o gluón do chapapote contándonos a súaviaxe dende o Prestige ata chegar a Praia de Barra, foron algúns dos máis de cen gluóns que creamos. Porque despois dos 15 monólogos iniciais de "O Gran Circo dos Gluóns", sumáronselle moitos máis, xa que durante máis dun ano estreábamos en " La Buena Vida", en Cangas, un espectáculo de máis dunha hora de duración novo cada tres semanas. Os espectáculos en locales son unha grande escola para traballar a improvisación e a cercanía co público.

Os gluóns sempre eran diferentes en cada espectáculo, menos un: o gluón do chiste malo, que participou en todos. O seu asesinato foi o "macguffin"co que arrincaba a nosa seguinte obra:"Gluonicidio: O asesinato do Chiste Malo". Foi estreada en 2007 no Auditorio de Cangas dentro da Mostra de Teatro Afeccionado organizado por "A Cepa".

Durante todos estes anos unha das principais actividades realizadas foi a creación de sketchs, algúns en formato video en colaboración con Borja Brun ou para diferentes galas, que nos permitían acercar o noso humor a un maior número de persoas. Galas como as do deporte de Cangas, Adicam, Festa do Muíño, Di Som, Revoltallo en pedra,?Así como a presentación varios anos do entroido de Cangas ou os 10Km Cidade Universitaria de Vigo.

Xuntando varios destes sketchs con algún de nova creación conformouse "Furtivos Frustrados", obra estreada no Salasón en 2008, dentro das actividades paralelas da organización do Concerto Furtivo.

En 2010 despois de sete anos baixo a dirección de Rosi Figueroa, Teatro de Cadaquén volta a estar dirixido por Anxo Lourido para a súa nova montaxe " JAS: JalisianAlternatifSpors", unha visión do mundo do deporte mesturado con tradiccións galegas a base de moito humor. Estreada no Auditorio de Cangas en 2011, a obra contou con máis de quince representacións. Tras unha delas, tamén no auditorio de Cangas como grupo invitado na XV edición da MOTESMO, un traballador da TVG que se adicaba a atopar novos talentos, baixa aos camerinos e nos pregunta se estamos interesados en actuar na televisión. Nunha reunión posterior con Xose Ramón Gayoso, nas instalacións da Televisión de Galicia en San Marcos, este nos mostra o seu interese en que participemos no seu programa.

O 15 de xullo de 2011 Teatro de Cadaquén fai o seu debut no Luar, un dos programas máis veteranos da televisión actual. O facíamos cun sketch protagonizado polos "Mariñeiros do Morraso", onde o noso humor soaba co acento e vocabulario da nosa comarca. Estivemos actuando neste programa cada quince días ata final de ano.

Tras a etapa televisiva voltamos aos escenarios cunha revisión da nosa ópera prima," OsRebentacontos". Manuel Chapela e José Calvar volvían enfundarse as batas do Dr. Hansel e do Dr. Gretel, en xaneiro de 2015 no Café Teatro Mimosa, na que sería a primeira das máis de 30 representacións. Sergio Casás deixaba momentáneamente as táboas para voltar a dirixir esta montaxe.

Cadaquén foi durante todo este tempo tres amigos que compartían a paixón polo teatro, que desfrutaban creando humor xuntos e amosándollo ós demais. Crear entre os tres sempre foi doado xa que o interese do grupo sempre estivo por diante do ego persoal. Tres personalidades diferentes e unha amizade común, esa foi a pócima para crear durante case 20 anos sen una soa discusión.

Dende aquí agradecer a todas as persoas que nos acompañaron nesta aventura ao longo destes anos, ademáis dos directores Anxo Lourido e Rosi Figueroa, os diferentes técnicos que traballaron con nós: Carlos Bermúdez, Rodrigo, Álvaro Lagoa, Óscar Cerqueira, Diego Igle, María Menduiña, Millán Desairas e Víctor Calvar.