Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Recuperación toponímica e o rueiro de Darbo

Cangas é un dos concellos galegos que máis topónimos aporta

Rueiro central de Darbo. // Cedida polo autor

Como acontece noutras partes do Concello, desde xa hai bastantes anos aparécesenos como un tema recorrente o dos nomes das ruas nas zonas de San Roque e do Tobal por mor das dificultades e contínuos erros no reparto de cartas e paquetes, sobretodo. A demanda de normalización do rueiro non só é asumida polos veciños senón que coinciden na mesma os diversos organismos e empresas postais e incluso plataformas dixitais para o seu óptimo funcionamento. Ao abordarmos este tema, son moitos os veciños que se preguntan por que nas fichas do censo, estas adoitan ubicalos nun único e misterioso distrito chamado Santa María de Afuera. E consta que esta denominación xa tén xerado, loxicamente, disquisicións retranqueiras como: Se nós, os vivos, somos os de Afora, logo quen son os de Santa María de Adentro? Os do cemiterio? Haberá que preguntarlle ao INE, un organismo moi estrito que en base ás suas fichas censais, adoita non respectar a nomenclatura xeográfica galega en bastantes casos.

Coñecedores da problemática toponímica tentamos, xa hai uns anos, colaborar no tema desde o Equipo de Normalización Lingüistica do colexio de San Roque, sinalando algúns barrios e lugares da parroquia. Mais cando abordamos o tema da microtoponimia, os resultados foron máis ben escasos a pesar da colaboración veciñal, restrinxida, neste caso, aos pais dos alumnos con maioría na zona máis urbanizada. Da zona en cuestión do noso interese, concretamente da área do Tobal, non aparecía ningún topónimo referencial que nos axudase, pois sempre nos remitían aos habituais, xa coñecidos. Sabemos tamén de intentos anteriores como en 2006, no que se solicitou dalgúns veciños algún nome para grafar as ruas, mais coidamos que as propostas non só viñan distorsionar os escasos nomes, xa consolidados, senón que non cubrían as necesidades doutros viais novos.

Debido a un certo coñecemento histórico, conseguimos entender a dificultade toponímica da zona ao realizarmos traballos nos que incluímos topónimos do século XVII e os do Catastro de 1752, percibindo que tamén son escasos os referentes á zona de estudo. A carencia de referencias toponímicas explícase porque na antigüidade, esta zona só eran duas grandes unidades denominadas Casa - Granxa de Balea ou Florida (Balea) e a Casa - Granxa do Tobal que se segregou da primeira. Ao desapareceren estas unidades mediante vendas e parcelacións, xurdiron novos camiños, solares, casas e empresas e como non había máis que un referente toponímico, (O Tobal) e as consecuentes dificultades de escrituración, apareceron as denominadas travesías do Tobal. Estas diferéncianse cun ordinal mais este varía obviamente, dependendo de cal sexa o acceso a estes viais: A que por un lado é a primeira, polo outro é a última. Tentando aportar luz sobre o tema e sabendo que se inicia a colocación de placas e números, facemos intención de que se abra un debate sobre o tema. Ante iso, adiantamos propostas para un rueiro de Darbo, baseado nas pescudas toponímicas, nos datos histórico-etnográficos e nas aportacións de veciños de moita idade e memoria.

Consideramos daquela que a denominada Travesía do Tobal, ainda que xa moi consolidada a sua designación (incluso en Google) debería mudar o nome para evitar repeticións e equívocos coa denominada rua do Tobal. Actualmente, o mesmo buscador acaba de mudar a sua designación a Travesía da Granxa do Tobal, descoñecendo de onde sacan os datos (do Catastro?) e sobre todo coa preocupación de que sexa, paradoxalmente, unha empresa americana a que fixe o noso rueiro e se antecipe ás decisións do Concello. Hai xa bastantes anos, nun dos primeiros intentos de ordenación viaria da zona, os veciños propuxeron a denominación de Travesía da Granxa , ainda que xa hai outro vial chamado da Granxa-Longán en Coiro. En inicio, o apelativo da Granxa aplicáramosllo ao camiño estreito que vai polo frente da entrada deste histórico edificio derrubado hai un par de meses e do faremos un memorando. Xa que logo, para sustituir este Camiño da Granxa pensamos denominalo Camiño Porta do Pazo ou de Antepazo, resolvendo así a cuestión. Este estreito vial pasa por frente da entrada da Casa - Granxa do Tobal (de tobo ou gorida de animais como coellos) e desemboca no histórico Camiño Vello de Darbo (non de San Roque como temos lido) que vai desde Síngulis ata a Estrada de Aldán, pasando antigamente ao pé da igrexa para bifurcarse logo cara Liméns e o Piñeiro. Con esta nova denominación de Travesía da Granxa, a Rua do Tobal, non só conservaría o seu nome anterior senón tamén a prolongación, urbanizada hai uns poucos anos no lateral do colexio de San Roque. No caso doutro vial próximo e ainda que semella haber unha denominación non oficial de S ubida a San Roque, esta resolveríase, mudando o nome a Subida á Capela e xa non habería confusión. Eis aquí, nestas dúbidas onde cabe debater e consensuar, ainda que por lóxica, entendemos que sería máis molesto mudar o nome da Rua do Tobal por acoller a máis afectados.

O chamado Camiño do Gatañal tamén tén consolidado este nome por abeirar o espazo así denominado desde antigo e que vén significar terreo bravío, inculto e con toxo gateño ou pequeno. Deste camiño parte outro con algunhas casas que podería denominarse Prolongación Gatañal ou das Veigas e incluso numeralo dentro de Camiño do Gatañal B pola proximidade das vivendas a este.

O nome de Veiga de Aravelo é para nós un topónimo de moita antigüidade por recollerse xa así a zona na toponimia medieval. A recuperación deste topónimo acaeríalle moi ben á rua indicada no plano por estar no sentido da veiga e ser unha rua na dirección do val.

O que denominamos como Camiño do Pombal fai referencia a estar próximo ao que era a construción pertencente á antiga Granxa de Balea e discorre paralelo a Don Hotel. Pórén, no plano do PXOM aparece con este nome unha rua que está moi alonxada desta ubicación do pombal e que nós preferimos denominar mellor como Fonte da Laxe. A rua estreita que pasa paralela ás pistas e pavillón do colexio público denominámolas como Campo da Cruz, un antigo topónimo da zona.

O denominado Camiño do Toxal chamámolo así por situarse antigamente por esa zona o chamado Toxal do Gatañal que aparece en documentos antigos. Eliminamos a localización de Gatañal por nome longo e por estar consolidado xa no camiño dese nome.

Chamámoslle Camiño da Fonte da Laxe, ao que vai desde a Estrada de Aldán á Travesía do Tobal, por desembocar frente do manancial do mesmo nome. Deste camiño parte unha rua en forma de U dunha nova urbanización que vai cara o río e denominámola Veiga Grande pois así se chamaba esta zona antigamente, segundo a documentación consultada. Nesta zona existe tamén o topónimo de Campo de Amarelo que alude a un posesor e que por iso semella como moi restrinxido.

Denominamos Camiño da Carballa, ao vial cortado onde se ubica unha empresa de madeiras e bricolaxe. É a denominación antiga desta zona.

Partindo da curva do Pontillón na Estrada de Aldán e paralelo ás instalacións de Hernández vai un vial que nomeamos como Camiño dos Lagos pois esa zona xa era denominada así desde vello. Posteriormente, comprobamos que xa aparece así grafado nun plano urbanístico pero cremos que hai que oficializalo. O mesmo ocorre co denominado Camiño do Galo que parte do camiño do Gatañal e sae á Estrada de Aldán.

No chamado barrio de Rotterdam botamos a faltar, precisamente, unha rua con este nome que como é sabido reflicte o histórico paso de emigrantes de Darbo por esa cidade. Tamén consideramos que a rua Heroes de 1617 debería ter continuidade por arriba e as que restan, sen nome, poderían denominarse Rua de Rotterdam a que sae desde a anterior á estrada de Aldán con trazado en ele e o camiño diagonal que sae ao Camiño Vello, María Ribeira, outra das "bruxas" de Cangas que acompañaría ao nome das outras existentes no rueiro da zona. Hai outras moitas ruas e camiños sen nome e as pescudas de toponimia antiga non sempre dan bos frutos. Contodo, no vial de Serra Poñente temos localizados os topínimos de Veiga da Porte e O Cernado que ben lle poderían dar nome a duas das ruas da zona.

Queremos facer constar que o exposto non é máis que unha suxerencia (rua, camiño ou travesía pódense alternar) e que a única finalidade é intentar mellorar a problemática exposta ao comezo deste relatorio, respectando ao tempo as normas emanadas de Política Lingüistica da Xunta en canto ao mantemento ou recuperación da toponimia local. Sabemos que nestes temas é importante o consenso veciñal como tamén é importante evitar grafar nomes que desgusten como xa tén acontecido por imposición unilateral dos mesmos. Estamos a nos referir as denominadas Rua Barbate, Rua Santoña... cuxos rótulos aparecen emborranchados por iniciativa veciñal. O primeiro por ser unha rua particular (Hotel de Massó) que precisaría un acordo entre o Concello e os residentes e o segundo por mudarlle o nome de rua do Pociño sen consensualo cos veciños: Como se pode deducir, o asunto da toponimia é algo máis que unha mera cuestión filolóxica..

(*) Mestre e historiador de Cangas.

Compartir el artículo

stats