A música tradicional que acompañou en vida a Anxo Gago Vaqueiro "Lito" non faltou onte na hora da súa despedida. A Marcha procesional de San Martiño de Bueu, unha composición do propio mestre gaiteiro, sonou onte na súa honra diante do seu féretro e das numerosas persoas que se achegaron ata o tanatorio de Bueu para despedilo e acompañar a súa familia.

Os encargados de interpretar a peza foron os membros da Banda de Gaitas Manxadoira de Bueu, unha formación que dirixiu durante preto de quince anos e cuxos membros loitaban onte para conter as bágoas. Todos vestidos de negro e co estandarte da agrupación sen as habituais fitas de cores. Tan só adornado cun crespón negro como sinal de loito.

Pouco antes das catro da tarde, a hora para a que estaba prevista a conducción do corpo de Lito, xa había numerosa xente no exterior do tanatorio, entre familiares, amigos, coñecidos e persoas chegadas desde diversos lugares para mostrar o seu pésame polo pasamento do gaiteiro do Hío. Entre eles había recoñecidos gaiteiros e artesáns vencellados ao mundo da música tradicional. Foron intres de respectuoso silencio, á espera de que saise o cadaleito e de que Manxadoira lle rendese a penúltima homenaxe ao mestre. A última das homenaxes foron as dúas salvas de aplausos coas que todo o público congregado no exterior despediu ao Anxo Gago "Lito" ao rematar a marcha procesional e cando o coche fúnebre abandonou o tanatorio cangués.

Foise a persoa, pero queda a súa música e un inmenso legado que compartiu con todos os que o coñeceron e aprenderon algo del.