Triste noticia a que se nos daba a coñecer na mañá do venres: Anxo Gago Vaqueiro, mestre gaiteiro, gran precursor da música tradicional, un dos bos e xenerosos, acababa de deixarnos tras grave enfermidade que soubo levar con resignación e valentía, sempre coa esperanza de que a ciencia puidera aportar as solucións requeridas. Non foi así e o noso amigo Lito, "O Gaiteiro do Mar", en verbas de Xurxo Souto, fóisenos para sempre, deixándonos para a posteridade esa pegada de excepcional artista e extraordinario docente, cualidade da que poden dar fe os innumerables alumnos que tivo ao seu cargo durante décadas.

Home sinxelo, e pouco dado ao boato, cando a Coral Queixumes, da que foi cofundador (1986), dispuxo renderlle homenaxe dentro da programación de XLI Semana Cultural de San Andrés, Lito, coa modestia que o caracterizaba, suxiriu non levar a cabo tal acción por non considerarse acreedor a distinción algunha. El traballaba no que en verdade lle gustaba: Compoñer, interpretar, aplicar os seus coñecementos e facer desfrutar á xente porque asi, dicía, "eu tamén o pasaba ben".

Na tarde de onte, sábado, o noso compañeiro era despedido entre bágoas difíciles de conter, e ao son da "Marcha procesional de San Martiño", interpretada pola Banda de Gaitas Manxadoira. Foi esta unha das numerosas composicións que Lito nos deixou como legado. D.E.P

Parafraseando a Rosalía: "Hoxe podemos dicirche que a gaita galega non canta, que chora?"

*Coral Queixumes do Hío