A Banda de Gaitas Tromentelo acude invitada todos os anos a actuar na entrega do Premio Cacarexo. Onte non faltou á cita, esta vez con más razón se cabe: desta vez tocáballe aos seus integrantes recibir este galardón. Un premio que é un recoñecemento "por levar o nome de Coiro e de Cangas por toda a xeografía da Península Ibérica, por ser garante da música tradicional galega e polo seu exemplo de igualdade e reunir a distintas xeracións". Foi un acto cargado de emotividade, no que estiveron moitas das persoas que ao longo destes anos asistiron ao crecemento dunha agrupación que xa pode presumir de ser profeta na súa terra de Coiro.

As súas orixes hai que empezar a buscalas hai agora 30 anos, cando a música tradicional galega entraba no programa de actividades extraescolares do colexio de Castrillón-Coiro da man da ANPA Fornobedo e de Xaquín Camaño. Tromentelo tería a súa presentación pública no ano 1991, co propio Xaquín Camaño como director fundador, e apadriñada pola Banda de Gaitas Xarabal, dirixida entón por Antón Corral. Tromentelo celebrou en 2016 o seu 25 aniversario e despide 2017 coa emoción do Premio Cacarexo. Xaquín Camaño, que xa hai anos que cedeu o testigo da dirección da banda a Sara Malvido, foi o conductor dun acto no que tamén interviron, entre outros, o exdirector do colexio de Coiro Fernando Domínguez; Elena Pequeño, en represetación da ANPA; e o concelleiro de Ensino Xoán Chillón, durante moitos anos mestre en Coiro. Durante a cerimonia proxectouse un video documental ao redor da historia de Tromentelo e a propia banda de gaitas interpretou varias pezas, co culmen do Himno Galego.