Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro afeccionado de 1986 á actualidade (II)

En 1992 Teatro Aurin volve a recuperar a súa actividade e o novo grupo prepara a obra "O Tendal"

O teatro afeccionado de 1986 á actualidade (II)

Pedro P. Riobó escribira no verán de 1989 O tendal para Marcos Viéitez, María Salgueiro e Salvador del Río. Por diversas razóns, o espectáculo nunca chegaría a estrearse. Pensado para dous actores e unha actriz, pero con posibilidade de ser interpretado polo dobre, decidimos converter esta obra no primeiro espectáculo do novo grupo. O argumento xogaba, en grande medida, co triángulo amoroso da película Casablanca, da que mesmo se conservaron -aínda que adaptados- os nomes dos personaxes. Cardo (Rick), o bomboneiro, coñece no transcurso do seu reparto a Elsa (Ilsa). Entre ambos xorde axiña unha atracción sen fundo que os leva a seren amantes. Un día Lalo (Lazlo), o home de Elsa, está a piques de pillalos in fraganti. Cardo ten que fuxir sen tempo para se vestir e, deste xeito, coñece a Yvonne a quen lle conta toda a historia para explicarlle o porqué da súa situación. Ela, así mesmo, confíalle a súa crise de relacións con Luís René. Fanse amigos e descobren que esa amizade vai a maiores. Cardo vese así en situación de ter que decidirse entre Elsa e Yvonne, cando o seu xefe (Sam) lle ofrece un traslado como instalador de gas para unha colonia de estranxeiros no sur de España.

O espectáculo estreouse o 30 de xullo de 1993 no Centro Cultural Daniel Castelao de Moaña, cun elenco no que interviñan a propia Asunción Sóñora, Alberto Barreiro "Warren", Iria Méndez, Abel Sánchez, Fran Paredes, Manuel Cobas, Montserrat Miquel e Antonio Pena. A escenografía e o vestiario foran deseñados por Cris Carvajal e a música composta polo músico moañés John. Da perrucaría ocupouse Ana Núñez e da fotografía para o programa Moisés Rodríguez. Exerceron de técnicos de iluminación e son Sante Cortegoso e Benxa Riobó. Houbo aínda sete funcións máis que se prolongaron até xullo de 1994 na que, posiblemente, foi a máis rocambolesca actuación de cantas se puidesen imaxinar, durante o IV Encontro da Terceira Idade que se celebraba en Baión (Vilanova de Arousa) para a cal nos ofrecían un edificio en obras, sen escenario nin portas nin fiestras, ás seis da tarde e sen asentos para o público. Houbo que improvisar un palco que se movía a cada paso e que, nunha destas, tragou a Iria Méndez. Pero, mellor ou peor, o espectáculo tiña que continuar e continuou.

O proxecto de 1994 precisou de moitas mans para poder ser levado adiante. Pedro P. Riobó buscou, novamente, a complicidade dun bo número de amigas e amigos para poñer en escena o texto de Tennessee Wiliams "A gata sobre o tellado de zinc quente", comezando por traducila ao galego desde o inglés, labor que realizaron Águeda Piñeiro, Carmen Fernández, Francisco Javier Paredes e Isabel Pérez.

A dirección do espectáculo foi encargada a Salvador del Río. El e mais Pedro P. Riobó ocupáronse da dramaturxia e dos deseños de luces e son. Este último deseñou e construíu a escenografía e realizou o deseño de son en colaboración con Benxa Riobó, que ademais exerceu de técnico xunto con Roberto Budiño. Da maquillaxe e perrucaría ocupouse Esperanza Montáns e da fotografía Xoán Carlos Gil Piñeiro.

"Cal é a vitoria dunha gata sobre un tellado de zinc quente?" Pregúntase Marga tras iniciar unha discusión co seu home Brei, un ex-xogador de fútbol alcolizado a causa da morte do seu mellor amigo, o seu compañeiro de equipo Afonso. O matrimonio pasa uns días na casa dos pais de Brei, durante a crise producida polo descubrimento dunha grave enfermidade que padece o pai de Brei, un fachendoso armador das Rías Baixas. Brei culpa da morte de Afonso a Marga e esta intenta facerlle ver o seu erro a través de demostracións de cariño, ao tempo que trata de advertilo das constantes manobras dos seus cuñados Roque e Maru, para facerse co capital do moribundo pai. Ante a indiferencia de Brei e a súa inesgotábel sede de whisky, Marga parece irremediabelmente destinada ao fracaso pero...

Marga e Brei

Elena Maya encarnou a Marga e Fran Paredes a Brei. O resto do elenco compoñíano Iria Méndez e Manuel Cobas (os cuñados), Asunción Sóñora e Sante Cortegoso (os "avós"), Abel Sánchez (o cura) e A. Barrreiro "Warren" (o médico). A estrea, agardada con expectación, foi o 29 e 30 de xullo no Centro Cultural Daniel Castelao de Quintela. A interpretación das actrices e actores e a dirección de Salvador del Río recibiron un grande recoñecemento, converténdose no noso espectáculo máis visto con máis de dez funcións, a última en decembro de 1995 no desaparecido Café Teatro do Real.

O noso seguinte proxecto foi, madia leva, asumir o reto de montar Nai Coraxe e os seus fillos, de Bertolt Brecht. Pensaba Pedro P. Riobó que o grupo estaba preparado para dar outro salto, pero deuse en falso. A unha morea de problemas derivados do reparto de papeis viñeron sumarse moitos outros de diferente índole que derivaron nunha posta en escena afastada do que queriamos conseguir.

O drama

A obra presenta o drama dunha nai e os seus catro fillos, mercadores ambulantes, durante a guerra das relixións europea do século XVII. Construímos unha montaxe sen marcación temporal nin espacial que pretendía mostrar, a través das tristes experiencias persoais dunha nai que vive da guerra e que vai perdendo a toda a súa descendencia no transcurso da mesma, a insensatez absurda dos conflictos bélicos que desgraciadamente aínda seguen de actualidade. Para o cal estabelecemos unha escenificación limpa, cunha mínima escenografía na que unicamente destacaban un horizonte no que a terra se unía a un ceo cambiante (mercé aos xogos de luces) e un carro de mercadorías que é, ao mesmo tempo, almacén, tenda, refuxio e fogar dos protagonistas.

A estrea, o 30 e o 31 de xullo de 1996 no Centro Daniel Castelao de Quintela, foi xunto con outra máis as tres únicas funcións que se fixeron deste espectáculo. A valorar a incorporación de varias actrices e actores como Roberto Budiño (antes técnico), Lisi Fernández, Mae Rodríguez e Paula Costa, que formaban o elenco xunto a Pedro P. Riobó, Sante Cortegoso, Iria Méndez, Abel Sánchez, Elena Maya e Fran Paredes. Contamos ademais cos músicos Alberto Barreiro "Warren" e Manuel Cobas.

Compartir el artículo

stats