24 de noviembre de 2017
24.11.2017

A escritora Emma Pedreira vence no Certame de Microrrelatos de Moaña

Gaña coa obra "Lelalela" -A Lonxa Literaria lle entrega o premio, un lote de conservas, en xaneiro

24.11.2017 | 03:23

A escritora galega Emma Pedreira foi a gañadora do XV Certame de Microrrelatos que organiza a Lonxa Literaria de Moaña. Venceu co seu relato titulado Lelalela.

Á diferenza doutros gañadores máis descoñecidos, Emma Pedreira é unha autora xa consagrada, con moita obra publicada e que colecciona prestixiosos premios no sector.

A Lonxa Literaria lle entregará o premio característico deste certame, un lote de conservas da ría, no mes de xaneiro.

O texto gañador é o seguinte:

Lelalela

Non é que sexa rara, ten gustos definidos. Encántalle cantar, pero só en contacto coa auga. É como se fose serea, pero non quere ser romántica nin chorradas polo estilo e pénsase cabareteira, pero en plan ben, en plan Marlénditrich. Cando lava a louza canta baixiño, coas lubas plástico rosa, putyubleinonmi, bois. Só entende o dos bois e tira do bordo de goma, pupupidú. Deletréao co cú, como se tivese vinte e non case oitenta, iso non se di. Cando se ducha -nos días impares- fai algo de zarzuela. O resto dos días, que toca baño de asento, copla lixeira, delbarriodesantacrúereunhermozoclavé. Se hai pingueiras, que as hai, na súa bufarda velliña de pensionista, recolle gotas coa lingua e dáse a aquilo de miudiñomiudiño, e mesmo vai collendo unha lixeira borracheira; despois durme. Agora si, cando trona, cando o trebón de mediados de agosto ameaza con mandar unha chuvia case monzónica de tan mesta e pegañenta, Lilimarlén sae por rimeira e única vez da casa en todo o ano, coas botas militares herdadas de seu pai, morto dun disparo nas terras do Ebro, e cunha bata de guata que pagou en reais e oñeceu épocas de botóns e flores. Aí é cando canta até o dano, e remata chorando nas pozas, leliñaporqueneumorro, tola de amor, a vella tola. Hoxe tampouco virán por ela.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca