Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Santy Corral e Elena Rodríguez: "Cos bosques cheos de eucaliptos, un incendio na comarca sería un desastre total"

Alertan da presenza de especies de cogomelos mediterráneos polo cambio climático

Santy Corral e Helena Rodríguez (primeiro e segunda pola esquerda), nunha saída recente. // FdV

As Xornadas Micolóxicas de Liboreiro cumpren dúas décadas de vida cun programa que levará a próxima semana cinco charlas sobre cogomelos ao Centro Social do Mar de Bueu.

- As xornadas micolóxicas chegan este ano á súa vixésima edición. Que destacarían da programación de conferencias deste ano?

-Pois este ano queremos dar unha volta aos inicios cunha conferencia de iniciación e outra de cogomelos medicinais que tamén é de temática xeral. Ao mesmo tempo, e para celebrar os 20 anos, todas as charlas estarán adicadas a micoloxía, sen a charla de contido naturalista que solíamos incluír ultimamente na programación.

- Que criterios tiveron en conta á hora de elixir aos conferenciantes e os temas a tratar?

-Nestas XX Xornadas invitamos a conferenciantes que xa teñen estado en anos anteriores e que nos gustaron especialmente. En canto aos temas, como sinalamos antes, decidimos empezar cunha charla de iniciación para aquelas persoas que se están iniciando no mundo da micoloxía, así como outra charla de temática mais xeral, sobre fungos medicinais. Por outra banda, tamén soemos incluír algunha conferencia de temática máis específica, dirixida a aqueles grupos de cogomelos especialmente interesantes, este ano os hipoxeos (trufas) e os gasteromicetos, os máis comúns teñen forma esférica ou de pera e son coñecidos como peidos de lobo, por exemplo. Para finalizar teremos outra sobre un tema que nos interesa moito, que é o dos fungos raros ou ameazados de Galicia.

- Estamos ante unhas xornadas orientadas a especialistas ou son accesibles e comprensibles para xente profana ou que se está iniciando no mundo da micoloxía?

-Aínda que as conferencias máis centradas en grupos específicos poidan non interesar tanto a un público xeral, sempre están pensadas para que calquera persoa poda seguilas e entendelas. Evidentemente, despois de 20 anos de xornadas, e non querendo repetir conferencias de anos anteriores, as de iniciación teñen que separarse no tempo, e contemplar os múltiples aspectos do amplo mundo da micoloxía.

- Este 2017 está sendo precisamente un ano complicado no eido dos fungos e cogomelos debido á seca. Están en disposición de explicar cal é a situación no entorno dos montes do Morrazo?

-Este ano si que é certo que a tempada micolóxica está sendo realmente pobre (por non dicir nefasta), aínda que esta tendencia non é só deste ano, senón que xa a vimos percibindo dende fai uns anos. Por outra banda, estamos empezando a detectar a presenza de especies de clima máis mediterráneo na nosa bisbarra, posiblemente un reflexo do cambio climático global. Ademais, e lamentablemente, os hábitats máis interesantes micolóxicamente na nosa comarca (que non inclúen eucaliptais e plantacións de acacia), están en regresión e moi alterados pola acción humana. Un dos hábitats máis interesantes dentro do Morrazo dende o punto de vista micolóxico, as nosas dunas costeiras, están sufrindo os efectos da seca e da enorme presión humana que sofren estes ecosistemas tan sensibles, sobre todo na tempada de verán.

- Aínda que a nosa comarca non se viu afectada polos lumes, afortunadamente, os incendios tamén contribúen no resto de Galicia a que este sexa una especie de annus horribilis para a micoloxía. Que fai falla agora para recuperar fungos e cogomelos nesas zonas queimadas?

-No Morrazo tivemos este ano moita sorte. A situación que se viviu o 15 de outubro fíxonos temer que se reproducira o inferno do 2006. Tendo en conta que os nosos montes están pragados de eucaliptais totalmente abandonados e co combustible de 10 anos acumulado, de comezar un incendio na comarca, a previsión sería de desastre total. Se isto ocorrese quedaríamos sen os poucos bosques de arbores autóctonos que temos na bisbarra, e iso sería irrecuperable... Este fin de semana pasado fixemos unha saída da agrupación polos concellos de Ponte Caldelas e Cotobade, e era impresionante ver como case o cen por cen do terreo queimado eran eucaliptais. Curioso era ver que os bosques de carballos facían como de cortalumes entre as plantacións masivas de eucaliptos. Aínda que algunhas masas de bosque autóctono arderon outras frearon o rápido avance das lapas. En canto á recuperación dos cogomelos tras os lumes, o primeiro e imprescindible paso é a recuperación dos hábitats, co tempo e esforzo que iso implica. Nas zonas queimadas con eucalipto ou acacia, o esperable é un rebrote e xerminación masiva destas especies alóctonas invasoras, que incluso ocuparán unha gran parte das zonas queimadas adxacentes, aproveitando a falta de vexetación. Se isto non se evita, xeraranse hábitats pouco propicios para a riqueza micolóxica (e a biodiversidade en xeral).

Compartir el artículo

stats