Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

San Martiño de Tours: soldado, monxe e bispo

Moaña, Bueu e centos de vilas galegas celebran hoxe festas a un santo precursor da integración europea, que nunca pisou Galicia pero que conta cunha devoción xa milenaria

Cadro "San Martiño e o mendigo", pintado polo Greco en 1597.

Ó igual que Moaña, Bueu e Vilaboa, en terras do Morrazo, numerosas localidades de Galicia e España están a celebrar as festas na honra de San Martiño, bispo de Tours (371-397); santo moi venerado pola cristiandade, que ten baixo a súa advocación milleiros de parroquias en Europa e Latinoamérica. Patrón de Francia e Hungría, das cidades de Buenos Aires, Utrecht, Groninga, así como deTours, Avignon e outras moitas localidades francesas e europeas, tamén é protector dos soldados, dos mendigos, dos presos, dos traballadores e tecedores do textil, do gando e da colleita do viño (?). En Galicia é patrón da cidade e diócese de Ourense e de 26 concellos; amais é titular de 235 parroquias.

Martiño de Tours é, segundo o Consello da Unión Europea, "un dos primeiros grandes viaxeiros europeos, un símbolo a compartir, un valor común". Foi un dos santos máis populares na Idade Media e así o avalan a importancia da súa festividade, o 11 de novembro, nos numerosos pobos e parroquias que levan o seu nome, e os máis de 4.800 monumentos, basílicas , igrexas e catedrais que se lle teñen dedicado en diferentes países de Europa e América. Figura sobranceira do cristianismo, cuxa dimensión histórica transcende a súa época, pode ser considerado como un verdadeiro"modelo de tolerancia e precursor de integración europea", en opinión do historiador e profesor ourensán Jorge López Quiroga (Universidade Autónoma de Madrid).

Orixinario de Panonia (Hungría), trasladouse a Italia e ingresou no exército imperial. Relata Sulpicio Severo, principal biógrafo e haxiógrafo do santo("Vida de San Martín de Tours"), que no crudo inverno do ano 337 tivo lugar o episodio de Amiens, na Galia (Francia), que marcou a iconografía posterior coa que se veu representado a San Martiño: compartindo a súa capa de soldado cun mendigo aterecido polo frío. A lenda conta que esa noite soñou que Cristo se lle presentaba, vestido coa media capa, para agradecerlle o xesto. Prosegue o relato que foi a partir de entón cando se produce a súa conversión ó cristianismo. No ano 356 abandona o exército e inicia a vida monástica uníndose ós discípulos de San Hilario na cidade francesa de Poitiers.

A súa nova etapa como monxe considérase fundamental para o monacato en Occidente: os monxes, entregados á oración e á meditación, vivían en lugares retirados; nun réxime comunitario de pobreza, penitencia, hospitalidade e estudo. En xuño de 371 foi elexido bispo de Tours. Percorreu todo o territorio da súa diócese e fundou numerosas parroquias rurais na Galia. A súa vida pastoral caracterizouse pola evanxelización e a loita contra os costumes pagáns. E aínda que foi crítico coas teorías e prácticas heréticas de Prisciliano e os seus seguidores, acudiu, sen éxito, ante o emperador Magno Clemente Máximo para evitar a súa execución. San Martíño de Tours foi un modelo de tolerancia, adoptando sempre unha posición contraria ó maltrato dos prisioneiros e contra a tortura. A amabilidade, a xenerosidade e a caridade que dispensou ós máis necesitados, valeulle a admiración e o respecto do pobo.

Morreu en Candes (Francia) no ano 397, sendo aclamado como santo nos seus funerais celebrados o 11 de novembro: foi un dos primeiros santos non mártires máis venerados polos fieis. Del, deixou escrito Sulpicio Severo: "a ninguén xulgou, a ninguén condenou".

Martiño de Tours nunca pisou Galicia. Sen embargo o culto a este santo, no noroeste peninsular, vense practicando desde hai case 1.500 anos. Segundo o historiador francés Gregorio de Tours, o monarca suevo Carriarico (rei de Galicia, 550-559) ordenou levantar un templo en Ourense, a mediados do séc. VI, en honor ó santo de Tours. As incursións dos musulmáns durante os séculos IX e X destruíron o templo e a cidade, ata que en 1084 se procede á construcción dunha nova igrexa sobre os restos do primitivo edificio suevo. Ó parecer, esta igrexa cumpríu as funcións de catedral en tanto non se levaron a cabo as obras de construcción do actual templo románico, a catedral de Ourense, igualmente consagrada baixo a advocación de San Martiño, en 1188, con reliquias traídas de Tours.

A devoción das galegas e galegos por San Martiño elevárono á categoría de ser "un dos integrantes do santoral máis populares da comunidade" (María Ballesteros, La Voz 11/11/2016), onde o seu nome, que está presente en máis de 200 parroquias e de 2.200 lugares do territorio, é sinónimo de novembro, magosto, festas e xogos populares; e tamén se asocia con expresións, costumes, refráns e tradicións, que forman parte do noso acervo cultural. Entre outras: "O veranciño de San Martiño", ou "veroño": en referencia a certos días de temperaturas altas que se rexistran a comezos do outono, e relacionada coa lenda vinculada ó santo no episodio de Amiens; "A todo porco lle chega o seu San Martiño", "Ata San Martiño, pan e viño; en pasando San Martiño, fame e frío": en clara referencia á matanza e á importancia do porco na economía campesiña galega."Por San Martiño,trompos ó camiño": en alusión á estacionalidade deste xogo tradicional(?); "Para quitalo frío e fartarte ben; podes comer castañas e viño morno con mel" : en exaltación da castaña, símbolo do magosto e alimento básico da poboación de Galicia ata a chegada da pataca desde América; tamén ó viño, que non debe faltar nesta festa ligada ó ciclo do outono; "Polo San Martiño zapa o teu viño": en mención ó viño novo(?). Outro aspecto a resaltar é a cantidade de galegos que levan o nome deste santo: máis 7.000 homes, segundo datos do IGE.

En definitiva. Aínda que as orixes de San Martiño nada teñen que ver con Galicia, nin chegou a pisar estas terras, a súa presencia e pervivencia no tempo é unha realidade evidente e incuestionable, tanto no que se refire á espiritualidade da xente, como na toponimia, na arte, na cultura popular(?), e en tantas outras manifestacións que forman parte indiscutible e indisociable do patrimonio do pobo galego. Nalgunhas comarcas de Galicia, son maioría os concellos con núcleos ou entidades de poboación dedicados ó carismático santo. Na comarca do Morrazo, San Martiño é patrón dos concellos de Moaña, Bueu e Vilaboa: cada 11 de novembro celebran a festa na súa honra, con grande afluencia de romeiros e visitantes.

A xuízo do investigador medievalista da UAM, anteriormente citado, ese itinerario de San Martiño de Tours, "de soldado a monxe e a bispo", fixo del un modelo que moitos fieis e seguidores quixeron imitar. Entre todos eles, ocupa un lugar destacado Martiño de Braga, bispo de Dumio (séc. VI), que compartía con él a súa orixe de Panonia ademais do seu nome. Foi este outro Martiño (San Martiño Dumiense), figura de especial relevancia, evanxelizador do reino suevo, quen se trasladou a terras galegas polo ano 550 implantando a devoción ó seu homónimo de Tours. San Martiño Dumiense é, xa que logo, o verdadeiro propagador do monacato en Galicia, sistema útil de cristianización nun medio esencialmente rural.

*Historiador e veciño de Moaña

Compartir el artículo

stats