Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Cangas nas postais dos suízos Hauser e Menet

Os dous fotógrafos e pintores instalaron en Madrid o seu taller en 1890, que estivo activo 90 anos

Tarxeta postal dunha vista do Porto de Cangas a principios do século XX.

Até a Primeira Guerra Mundial (1914-1918), as mellores imprentas eran as de Alemaña, Austria e Suíza. Destacaban pola perfecta produción de postais impresas cos procedementos chamados de fototipia e cromolitografía en cores.

Foi alá pola altura de 1890 que dous fotógrafos suízos e excelentes pintores, Óscar Hauser Mueller e Adolfo Menet Kursteiner instalaron en Madrid o seu taller de fototipia. A súa empresa está considerada a primeira que editou postais vistas e monumentos en España, a partir do ano 1892.

O sistema fototipia era un procedemento fotomecánico obtido sobre vidro, baseado na propiedade dunha solución de xelatina de volverse insoluble nos puntos afectados pola luz ao que se lle engadía unha pequena porcentaxe de sales de cromo. Este sistema artesanal era o mellor método de impresión de fotografías da época porque evitaba o tramado.

Ao primeiro eles mesmos se desprazaban coas súas cámaras e realizaban persoalmente o seu labor; pero axiña se viron desbordados polos pedidos que recibían e tiveron que contratar outros fotógrafos. Moitas das fotos asinadas por eles sabemos que foron realizadas por outros colegas.

A principios do século XX tiñan unha produción de medio millón de tarxetas postais ao mes. Aquel primeiro local alugado na rúa Turco resultoulle pequeno e tiveron que trasladarse á Rúa Ballesta. Ampliaron o negocio imprimindo encargos para América: Cuba, Ecuador e Colombia. E tamén empezaron coa edición de libros. Aquelas postais de principios de século dispuñan na parte traseira esquerda dun pouco espazo para escribir, quedando reservado o lado dereito para o selo e o enderezo do destinatario. A novidade das tarxetas postais era que xa estaban preparadas para ser escritas e que non necesitaban sobre.

Foron Hauser e Menet os que puxeron de moda as tarxetas coñecidas como Recordo para dar a coñecer o mellor e máis significado dos lugares que visitabas. Moitas veces agrupaban varias vistas e formaban unha serie. Como fixo en Cangas o fotógrafo Ramón Ocaña que compuxo polo menos tres coleccións de fotos que tamén vendía de forma individual.

A empresa chegou a imprentar en Madrid a primeira edición do álbum Nós de Castelao, na véspera de San Benitiño de Lérez no ano 1931 grazas ás axudas de media ducia de amigos de Pontevedra.

Até o 1950, mantiveron o sistema de impresión en fototipia e despois iniciaron outras técnicas como o ocogravado. Remataron especializándose na impresión de publicacións de gran tirada, editaban revistas tan coñecidas como ¡Hola! e Interviú. Chegan a contar cuns mil traballadores en 1978.

Acumulación de débedas

Despois de 90 anos de vida chegoulle a hora de peche. Foi no ano 1979 por acumulación de débedas.

A imprenta dos pintores suízos Hauser e Menet fotografou Cangas en varias tarxetas postais que puxero en circulación nos primeiros anos do século XX. Velaí algunhas delas que levan o seu nome como editores.

* Socios de A Cepa

Compartir el artículo

stats