Tendo en conta o sinalado polo cardeal compostelán, e o que reflicten outros documentos do século XVII que sitúan a construción da capela, para a honra de San Bartolomeu e da Virxe de Guadalupe, antes de dito ano, chégase a conclusión que en 1722 efectuáronse nela importantes obras de restauración e ampliación, co engadido do arco epigrafíado, acometidas por conta de D. Pascual Pardo de la Peña, un ano antes de que dimitise como abade e coas que lle deu colofón ás grandes transformacións barrocas que impulsou na cabeceira da igrexa de Santa Baia, documentadas no libro de contas da súa fábrica e nas inscricións que aínda se conservan nos muros do templo.

Para coñecer a vida deste crego, que tanta pegada deixou en Meira, cumpre manifestar que foi nomeado cura propio da parroquia na data do 5 de febreiro de 1682; procedía de San Cristovo de Couzadoiro, no actual concello de Ortigueira, bispado de Mondoñedo, sendo seus pais, D. Juan de la Peña e Dª. María Vázquez.

Descoñécense os motivos polos cales renunciou á reitoría de Meira no ano 1723 para darlle paso ao seu irmán, D. Juan Antonio Pardo de la Peña; pois, o normal era que os abades da época deixaran o cargo no intre do seu pasamento.

O cura dimisionario continuou vivindo na freguesía onde, na data do 4 de xaneiro de 1740, outorgou testamento diante do escribán de San Martiño de Moaña, Diego de la Iglesia, cuxo orixinal está depositado actualmente no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra; nel, despois de afirmar a súas crenzas relixiosas, manda que cando tivese lugar a súa morte, o amortallen, en un hábito de sayal de mi Padre seráfico San Francisco para gozar de las Indulgencias que le son concedidas, el que se me ponga por bajo de mis vestiduras sacerdotales; ordena logo que o enterren no chan da capela lateral de Santo Domingo (Dolorosa na actualidade) que el mandara erguer e deixou dotada para que puidese vivir un capelán das súas rendas. Continúa ordenando que ao seu enterro e honras fúnebres asistisen os membros da Confraría do Espírito Santo de Cangas e, en canto ás ofrendas pola súa alma, ordénalle aos seus herdeiros que o día da función de enterro ofrecesen, una vaca mediana, dos carneros, doce ferrados de todo pan, un cañado de vino y una cesta de valor de ocho reales de vellón. Outro tanto manda que se ofreza na data dos seus funerais, excepto la vaca viva, y en lugar de ella se le ofrende un cuarto de vaca muerta.

De seguido, remata o capítulo relixioso do testamento, facendo unha repartición de 600 misas que manda se lle digan pola súa alma, pais e irmáns; 100 no convento de San Francisco de Vigo; 100 no mosteiro de Sto. Domingo de Sta. Marta de Ortigueira; 100 na súa freguesía natal de Couzadoiro; 100 a celebrar en Meira por curas da parroquia e as outras 200, déixallas á elección do abade de Santa Baia para que as diga ou as mande dicir onde lle pareza.

Ordena despois diferentes legados para os seus familiares de Couzadoiro, familias pobres de Meira, unha criada, etc., tal e como facían, ao longo dos séculos XVII e XVIII, a meirande parte dos reitores de parroquias ricas, como a de Meira, onde eran os persoeiros máis poderosos e os que máis diñeiro recadaban, por ser receptores de décimos, primicias, explotación de terreos do igrexario, propios, e polos chamados dereitos de pe do altar (misas, funerais, enterros, etc.).

Segundo se constata no libro parroquial de defuntos, o cura morreu no seguinte ano, encabezando, deste xeito, a partida de defunción o daquela cura propio de Meira: en cinco de febrero del año mil setecientos y cuarenta y uno, después de haber recibido los Stos. Sacramentos de penitencia, eucaristía y extremaunción, se falleció de esta presente vida el Bachiller D. Pascual Pardo de la Peña, Cura que ha sido de esta feligresía; diósele sepultura en su capilla de Santo Domingo dentro de la Iglesia de esta Feligresía ?

Como foi sinalado, a capela de Sto. Domingo, na actualidade é coñecida por capela lateral da Dolorosa e nela, aínda se conserva o fermoso retablo que o crego mandou construír e pintar, pola súa conta, xunto cun escudo de pedra da liñaxe, Pardo de la Peña; ambos os dous rematados no ano 1699.

(*) Investigador de Moaña