Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro escolar (XI): Colexio Eduardo Pondal (I)

O grupo, que xa ten vinte anos, créase en 1997 como unha actividade vinculada á clase de Literatura

O grupo participa por primeira vez na II MOSTRA (ano 1998), e dende ese momento vaino facer en cada edición. Polo tanto non poderiamos explicar a actividade teatral no noso centro sen a existencia desta MOSTRA. O compromiso de presentar todos os cursos unha obra de teatro foi e segue a ser un estímulo para todos os que participamos nesta actividade. O feito de ser un viveiro de ideas, unha fonte de entusiasmo e un exemplo de traballo colaborativo é o que segue a manter viva a ilusión de tantas rapazas e rapaces polo teatro.

Tampouco serían explicables estes vinte anos de quefacer teatral no Colexio sen o apoio constante e sen límites da dirección do centro facilitando recursos humanos, organizativos e económicos, así como da colaboración de toda a comunidade educativa.

Pero comecemos polo principio, ano 1997. O alumnado de 2º de BUP está disposto a compoñer unha obra de teatro, como unha actividade vinculada á clase de Literatura. Toda a clase participa na súa montaxe, ben como intérpretes ou colaborando na creación da escenografía, do vestiario ou achegando ideas. Estreamos O achado do castro de Manuel C. Núñez Singala. O seu elenco está formado por Vanesa Sotelo, Gemma Maquieira, Tania Abraldes, María Iglesias, Sara Fernández, María Portela, Abraham Núñez, Rodrigo Germade, Anabel González, Alberto Rodrígez, Pili Vaqueiro, Pili Espiño. Como técnico de son Jesús Currás. A obra represéntase no Colexio e participa na Mostra de teatro afeccionado de Moaña, no Auditorio de Quintela.

Para todos foi unha experiencia de éxito que cohesionou o grupo e deu o pulo necesario para facer do teatro unha actividade imprescindible dentro da vida do Colexio.

O mesmo grupo vai estrear nos anos 1998 e 1999 A lenda de Xoán Bonome de Agustín Magán e A verdadeira e singular historia da princesiña e o dragón de J. L. Alonso de Santos. Ao grupo incorporaranse Iago Seoane, Manuel Cordeiro, Inés Vizoso, Carmen Rosales e Moncho Rodríguez

No ano 1998 comeza a participación do grupo na MOSTRA DE TEATRO DO ENSINO SECUNDARIO DO MORRAZO, na súa segunda edición que se celebra no noso centro, abrindo a MOSTRA coa estrea de A lenda de Xoán Bonome. Esta obra foi representada na aula de cultura de Cangas, no Colexio A Espiñeira en Aldán e na Casa da Cultura de Beluso.

Non dispoñiamos de a penas medios. O noso equipo de son era un vello aparello de música que Jesús Currás facía funcionar de xeito milagroso; como iluminación contabamos cun foco de luz de obra que se enchufaba e desenchufaba para facer negro. José Portela Leal e Mari Vilas fixeron marabillas coa escenografía. E Xabier Alcalde traballou pertinazmente na configuración dos personaxes.

En 1999 estréase A verdadeira e singular historia da princesiña e o dragón. Con esta obra comeza a colaboración de Nucky López que se ocupará ao longo de moitos anos do vestiario do grupo, dando respostas cheas de imaxinación ás nosas peticións.

Esta obra pecha un primeiro ciclo na historia do noso teatro. O grupo- clase que comezara remata COU e polo tanto abandonan o centro, momento que coincide tamén coa desaparición de BUP e a implantación da ESO.

Para entender como se viviu a experiencia teatral naqueles primeiros anos nada mellor que recorrer á evocación de Vanesa Sotelo: "Lembro a miña participación nos inicios do grupo de teatro do Colexio Eduardo Pondal como unha das experiencias máis valiosas e enriquecedoras do periodo de aprendizaxe no Ensino secundario. A escena serviu como dispositivo para tomar voz, para aprender a escoitar ao outro e, sobre todo, para facerse oír; tamén supuxo un espazo natural para a práctica da lingua galega e foi un núcleo dende o que comprender o valor do traballo en grupo e do compromiso colectivo. O teatro é un espazo irrepetible de encontro, comunicación, liberdade e, ante todo, coñecemento."

A partir dese momento temos a dúbida de se será posible continuar con esta actividade. Despois de tres anos nos que un grupo de rapazas e rapaces se responsabilizaran dun xeito excepcional da posta en escena de tres obras, achegando con xenerosidade o mellor de si mesmos e abraiándonos co seu talento, preguntabámonos se sería posible volver a poñer en escena unha obra. E así, con miles de dúbidas comezamos de novo. Decidimos que o grupo de teatro quedase aberto á participación dos alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO, o que supuxo pensar en novas formas de organizar a actividade.

Créase no curso 1999-2000 un grupo con vinte rapazas e rapaces e preséntasenos unha das dificultades que vai ser unha constante ao longo dos anos, atopar un texto que se adapte ao teatro escolar e polo tanto ás idades dos actores e actrices, ao público para o que vai ser representado e aos medios técnicos dos que dispoñemos e, o máis importante, que teña o número suficiente de personaxes para dar cabida a todos aqueles que queren participar na actividade. Recorremos a un clásico, O enfermo imaxinario , facendo unha adaptación da obra de Molière. Forman o elenco Damián Vila, Mario Fernández, Miguel Martínez, Iago Seoane, Paula Soliño, Juan Cortegoso, Belén Andrade, José M. Cruz, Violeta Costa, Natalia Dasilva, Iago lariño, Rebeca Mandado, Mauro Portela, David Blanco, Manuel Currás, Jesús Fernández, David Andrés, Iria Fernández e Manuel Cordeiro e Carmen Rosales como técnico de luces e son. A partir desta obra será imprescindible a colaboración de Sabela Brión. Unha vez máis o decorado conta co traballo de Mari Vilas e José Portela Leal.

A existencia dun grupo de teatro no Colexio consolídase, a montaxe de O enfermo imaxinario demostrounos que sempre haberá alumnos e alumnas que queren facer teatro, que lles gusta facer teatro e que teñen talento para o teatro e que só precisan da oportunidade.

No 2001 estréase A raíña Lupa con Antón Vieito, Eloy Molanes, Bárbara Alcántara, Benito Vilas, Gabriela Sanromán, Manuel Riobó, Nuria Riobó, Iciar Troncoso, Marta Paz, Mauro Portela, Manuel Currás.

Ao longo destes anos, nos grupos van mesturándose actores e actrices que xa participaran polo menos nunha montaxe con aqueles que se incorporan por primeira vez.

Doutor Knock, adaptación da obra de Jules Romains, subiu a escena no ano 2002, e marca algúns cambios significativos. A escenografía deixa de ser realista e faise máis simbólica e supuxo tamén a nosa primeira incursión nun teatro máis innovador. Comezan a colaborar co grupo Ángel Currás e Ana Piñeiro. O elenco estivo formado por Antón Vieito, Eloy Molanes, Bárbara Alcántara, Benito Vilas, Gabriela Sanromán, Manuel Riobó, Iciar Troncoso e Marta Paz. Foi impresionante como defenderon os seus personaxes sen contar cunha trama argumental tradicional.

No 2003 decidimos, para resolvermos o problema da procura dun texto que se adaptase ao número de integrantes do grupo, crear a nosa propia obra. Foi o desafío do que xurdiu www.soñ@s. film, onde se mesturaban secuencias de películas de diferentes xéneros cos soños e ilusións de dous personaxes nun espazo escénico baleiro no que se ían reflectindo as diferentes escenas cinematográficas. María Barral comeza a súa colaboración co grupo sendo fundamental o seu traballo. Benito Vilas, Paloma Andrade, Emma Alonso, Adolfo Abraldes Jesús Pais, José Alberto Palmás, Manuel Riobó, Alex Comedeiro, Noelia García, Noemí González, Iciar Troncoso, Marta Paz, Bárbara Alcántara, Antón Vieito, Elsa Ramos, María Parada, Ángela Riveiro, Sabela Camiña e Eloy Molanes son os responsables de dar vida aos diferentes personaxes.

Calderón? namorado?, adaptación da obra homónima de José María Ruano de la Maza, estréase no 2004. Fernando Santiago, Carmen Sara Matos, Emma Alonso, Tamara Fernández, Borja Piñeiro, Mauro Pereira, Mireya Calo, Jose Alberto Palmás, Elsa Ramos, Sabela Camiña, Jesús Pais, Ángela Riveiro, María Parada e Adolfo Abraldes recrean os personaxes das comedias de capa e espada sobre un escenario formado por moreas de vellos libros.

No ano 2005 levamos a cabo unha adaptación da obra de Jardiel Poncela Eloísa embaixo dunha amendoeira. Foi unha obra dificilísima cun gran número de personaxes que defenderon con valentía Tamara Fernández, Clara Prieto, Alfonso Varela,Fernando Santiago, Iago Comedeiro, Sheila Portela, Ana Cristina Rodríguez, Carmen Sara Matos, Jezabel Freire, Martín Pastoriza, Nicolás García, Yeray Portela, Henar Núñez, Irma Sánchez, Samuel Brun, Tatiana Teixeira, Tamara Portela, Sandra Loira, Sara Graña e Sandra Tenorio.

Unha adaptación de Peter Pan de James Barrie foi a obra escollida no 2006; permitiunos desenvolver algúns elementos que iamos descubrindo. Unha escenografía versátil, sinxela e simbólica e a importancia dunha banda sonora que ía marcando o ritmo escénico. Interviñeron Miguel Marcos, Ana Cristina Chapela, Nicolás García, Xesús Soage, Damián García, Julia Alcalde, Marcial Lagoa, Pepe Camiña, Orlando Soage, Eric Domínguez, Iago Comedeiro, Miguel Fandiño, Tania Barreiro, Lorena Tenorio, Yaiza Villanueva e Carla Pesqueira.

Decidimos nese curso que a actividade de teatro fose aberta a todos os alumnos da ESO, o que supoñía a mestura de idades, e o que en principio podería parecer un problema converteuse en realidade nun acerto xa que propiciou unha dinámica de colaboración entre eles.

No ano 2007, participamos en Caixa Escena. Como condición tiñamos que representar una obra proposta pola organización. Escollemos "La cabeza del dragón" de Valle Inclán, da que fixemos unha adaptación que titulamos A cola do dragón. Unha montaxe onde o movemento, a música e a poesía foron tan importantes como o texto. Eran os inicios doutro xeito de entender o espectáculo teatral. A proposta foi perfectamente asumida por un elenco formado por Raquel Hermelo, Orlando Soage, Julia Alcalde, Carlos Fentanes, Aarón Viéitez, Damián García, Pepe Camiña, Eric Dominguez, Carla Pesqueira, Tania Martínez, Lorena Tenorio, Sara Fernández, Rebeca Vilariño, Rocío Soage, Carla Pesqueira, Marcial Lagoa e Miguel Fandiño.

Afondamos na mesma liña experimental coa montaxe de Hora punta no 2008, unha creación colectiva na que os únicos diálogos eran textualmente anuncios publicitarios. Eva Blanco, Raquel Hermelo, Sonia Parcero, Alba Pedrouso, Tatiana Pedrouso, Carlos Pérez, Laura Rial, Amaia Villar, Julia Alcalde, Ariadna Fernández, Sara Fernández, Carla Pesqueira, Rocío Soage, Aarón Viéitez, Rebeca Vilariño, Raquel Riobó e Andrea López, actores e actrices desta obra foron quen de entrar neste xogo teatral e facer que o público participase del.

Compartir el artículo

stats