Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro escolar (X): Comediantes Anónimos (II)

Nesta entrega afóndase no periodo comprendido entre os anos 1997 e a actualidade do grupo do IES Johán Carballeira

No autobús, de camiño ao cárcere da Lama, no curso 2005-2006 // Arquivo IES Johán Carballeira

Como ben indica o seu nome a idea é reunir os centros con inquedanzas relacionadas co mundo do espectáculo e darse a coñecer máis aló do propio centro. Para Comediantes anónimos resultou ser unha cita aínda se cabe máis especial posto que o Xoán Carballeira, a través das xestións de Asunción Soñora, resultou ser a sede que daría comezo a esta aventura. O éxito desta Mostra e máis que evidente pois este ano chegou a súa vixésima primeira edición.

Ser os primeiros implicaba unha grande responsabilidade e tiñan claro que o feito exixía unha obra a altura das circunstancias. Que mellor momento que este para facerlle unha homenaxe a un dos máis grandes dramaturgos das nosas letras cun texto tan carismático e representativo como é "Os vellos non deben de namorarse". A colaboración por parte de todo o alumnado resultou única. A participación do coro do centro así como dos alumnos de deseño, xunto coa súa profesora, na elaboración das máscaras seguindo o deseño feito por Castelao. Resultou ser o unha experiencia única e unha oportunidade de traballar o texto en toda a súa complexidade.

En 1997 elixiuse a "Gran noite de Fiz" para ser representada no final de curso, pero non sería ata o ano seguinte con "Vive la musique" na que a colaboración de Fran Paredes, recoñecido actor galego, se fixo habitual. O seu facer foi máis alá dun posto recoñecido: dirección, equipo técnico, preparación dos actores... O seu traballo co grupo será constante e global durante dezaseis anos manténdose no tempo ata o día de hoxe.

Certo é que non debemos pensar que o seu contacto co grupo comezou aquí. Xa nos inicios, alá polo ano 1991, era un colaborador esporádico. A súa axuda foi e inda é inestimable indo, incluso, máis alá do propio grupo. De feito no ano 2000-2001 con antigos alumnos e alumnas do centro fixo "Sen-Senso". Novo éxito sen dúbida. Coa representación de "E a guerra!" (ano 2014) Fran Paredes vese na necesidade de pasarlle o relevo a Rosa Domínguez xa que, por motivos de traballo, non pode seguir atendendo o grupo como fixera ata o momento. Isto non implicou a súa saída posto que cando os seus compromisos profesionais llo permiten volve a Comediantes Anónimos e non ten inconveniente en colaborar e axudar no que faga falta. O agradecemento que senten dende o grupo non se pode explicar con palabras pois a súa dedicación sempre foi e inda é absoluta. E dende aquí queren agradecerllo.

Rosa Domínguez pasa, dende este momento, a ser unha figura principal en Comediantes. Inda que para os non colaboradores poida parecer que acaba de chegar neste 2014 nada máis lonxe da realidade, todo o contrario. Dende tempo atrás, sempre nun segundo plano, colaborou en todo aquilo no que facía falta. Durante anos ela e outros compañeiros como Santiago Dopazo, participan na sombra. Non son caras visibles pero son fundamentais para o desenvolvemento de todos aqueles aspectos que, o día da representación, pasan desapercibidos o público.

Santiago Dopazo é un exemplo desta devoción polo mundo do espectáculo. Dende o ano 1993 que comezou no equipo técnico con "Os cravos de prata" ata o día de hoxe, neste 2017, con "Viva o teatro," colaborou sen descanso aportando os seus valiosos coñecementos incluso na Mostra de Teatro do Ensino Secundario. É de agradecer esta dedicación que non ten o recoñecemento dos actores e actrices por estar sempre "na sombra". O caso de Rosa é moi similar. De feito a recompilación de documentación relacionada con estes vinte e cinco anos de rodaxe foi levada a cabo por eles. E no caso de Rosa, ademais, a localización de antigos compoñentes así como a programación de eventos conmemorando todos estes anos. Un traballo do que desfrutamos.

Ata setembro pódese ver no instituto a exposición que recolle esta andaina. Non son os únicos que traballan nun segundo plano. Moitos foron os rapaces e rapazas aos que, os espectadores, non somos quen de poñerlles cara pero que coas súas aportacións foron parte fundamental durante este cuarto de século de vida do grupo. Un agradecemento sincero a todos eles.

A seguinte representación que se realizou (1999-2000), tivo como obxecto recuperar unha obra que tivera xa moito éxito e gañara un premio anos atrás e que non é outra que "Paixóns, diviñas paixóns", esta vez con un traballo de fondo moito máis profesional que enriqueceu, se cabe, aquel texto representado por primeira vez facía xa seis anos.

"Sen-Senso", composta tamén por ex alumnos e alumnas do instituto e de mans de Fran Paredes, resultou ser unha interesante proposta. A esta seguiulle, o ano seguinte, "Un anel para arleccinno", obra na que se estrea como actor un novísimo David Novas que nin se imaxinaba onde o levaría esta primeira experiencia teatral. Participou no grupo durante nove anos nos que se foi conformando como actor. Sería no 2006 con "Supermón" cando se quedou evidenciada cal ía a ser a súa profesión.

O rematar os estudos de secundaria dedicouse a súa preparación como actor profesional realizando, entre outros, os estudos da ESAD. Un esforzo que deu máis que merecidos resultados como ven demostra o seu recoñecemento nas pantallas do noso país que compaxina con traballos como modelo profesional. Pero non foi o único que se decantou por seguir este camiño. Javi Toste, Susi Ons e Martiña Villar tamén estudaron na ESAD.

As dúas rapazas comezaron neste modesto grupo despois da posta en escena do "Coleccionista de sombras" (2002-2003) con "Os tres mosqueteiros e...D' Artagnan?" (2003-2004). Estes tres artistas coincidirían en escena novamente no seguinte ano (2004-2005), con "Un día de vida de Vladimiro e o seu can Trosky." Susi Ons segue a traballar de forma activa mentres que Martiña decantouse por deixar a escena a estar entre bambalinas.

Xa anos atrás, unha nova Paula Sanmartín sentira a atracción por este duro pero marabilloso mundo. Comezou no grupo nos anos 1994-1995 con "Pic-Nic" e rematou no 1995-1996 con "Farsa Plautina" (1995-1996). Decidiu, como o farían despois os seus compañeiros, que a súa vida estaba innegablemente unida o espectáculo e decidiu seguir a súa preparación como actriz en Espazo aberto. Posteriormente trasladarase a Brasil para proseguir coa súa aprendizaxe. Coñecida por series da televisión galega de grande éxito na actualidade ten a súa residencia en Santiago de Compostela.

Unha actividade teatral que recordan con especial agarimo é actuación que fixeron no cárcere da Lama na que representaron "Amarelo Molière" (2005-2006) e "Supermón" (2006-2007), dentro dunha serie de actividades que se celebraban para os presos que resultou para eles unha experiencia única, inda que non sería a última. En xullo do 2006 participarán nun intercambio cuns pobos de Cáceres que falan unha variante do galego o que denominan "a fala".

O alcalde de San Martín de Trevello invitounos para que fixesen a súa representación na praza do pobo. Este xunto con Valverde do Fresno e As Ellas, tres pobos do val do ría Ellas (provincia de Cáceres), recibiron a estes mozos e mozas con grande agarimo. Lembran o complicado que resultou xuntar os cartos para unha viaxe tan longa na que era necesario trasladar tanto os compoñentes como os decorados da mellor forma posible. Facer que as contas cadrasen era complicado e optaron por buscar solucións: venta de camisetas, concursos a televisión, solicitar axuda os organismos oficiais e privados...E, finalmente, conseguiron o seu propósito.

Uns días incomparables que trouxeron engadido a realización dunha curta, "Zombis Rivers", iniciativa dos propios rapaces e rapazas que se embarcaran nesa aventura cacereña e que, cada vez que o visualizan ou falan dela, recordan simpáticas anécdotas como o xusto dos habitantes cando os escoitaron ás tantas da madrugada meterse na piscina co frío que facía e gravar polas rúas. A curta presentárona en Bueu no Centro Social do Mar, con alfombra vermella incluída pola que desfilaron como as grandes estrelas.

Logo desta aventura estremeña puxeron sobre o escenario "A illa amarela" (2008-2009). Esta foi a penúltima participación como actriz en Comediantes de Martiña Villar que se despediu do grupo con "A filla do capitán Anibal" (2009-2010). O ano seguinte sería con "Morra o conto" (2010-2011) coa que deixaría o grupo David Novas.

A variedade de temas elixidos o longo da súa traxectoria é máis que evidente: "O rei nu" (2011-2012), "Fuxan os contos" (2012-2013), "Gallaegaria" (2013-2014), "E a guerra!!" (2014-2015), "Cadros de amor e humor, ao fresco!" (2015-2016), "Viva o teatro!" (2016-2017) son unha mostra deste feito. Nada é imposible para Comediantes Anónimos. Pero non son estes nomes os que conseguen que se manteña durante vinte e cinco anos sen pausa unha actividade teatral coma a que estamos a coñecer. Voume, co seu permiso, facer eco das verbas de Asunción posto que penso que é un sentir de todos: "Éncheme de orgullo ver como Comediantes Anónimos foi lazo de unión ao longo de vinte e cinco anos de varias xeracións que se foron dando o testigo unhas a outras. Como os "vellos" iades integrando aos novos que chegaban e, aínda que rematarades o insti, seguiades vindo a teatro. Aquelas gañas e ilusión que comezamos fai vinte e cinco anos mantivéronse ao longo de todo este tempo".

Facer reconto deste cuarto de século non é tarefa fácil: máis de cento oitenta actores os que hai que engadir a todos aqueles que non teñen rostro durante a representacións pero que, sen eles, estas non serían posibles: dirección, axudantes de dirección, equipo técnico, decorados, deseño de decorados e vestiario...e por suposto os pais, nais e familiares de todos estes artistas que conforman o grupo dende o primeiro día. Pelexaron tanto ou máis ca cada un dos compoñentes. O Concello por axudar cando era necesario...

A todos eles gracias por estes anos.

Compartir el artículo

stats