Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O aniversario dun histórico do deporte na comarca

90 anos da S.D. Bueu e 50 do C.D. Bueu

O equipo de fútbol do concello, que se remonta ao 1927 e que tivo varios altibaixos, celebra o seu aniversario

90 anos da S.D. Bueu e 50 do C.D. Bueu

Deberiámonos trasladar temporalmente a unha época en que Bueu era unha vila costeira en auxe, que ía expandindo a súa poboación cara á primeira liña de costa. Os inicios foron uns barracóns a modo de chabolas de mariñeiros, amáis dos chamados "almacéns", que eran as empresas emerxentes de salga, moitas veces construídas en madeira. Esta elección de lugar non era aleatoria, pois xa os romanos puxeran as súas salgas nesa mesma zona había un feixe de séculos.

O mar, a pesar da súa bravura e envite no inverno, tamén era a única vía de comercio, tanto de entrada (peixe, sal etc.) coma de saída (mercadoría que nestas salgas se producía). A carón destes almacéns e chabolas comezáronse a construír vivendas, todas elas de pedra e de fermosa feitura, pois eran dos veciños de maior capacidade adquisitiva.

Cara a finais do século XIX e comezos do século XX, a industrialización e os adiantos sociais estaban chegando a esta humilde vila. Xa se empezaban a instalar as fábricas de conserva propiamente ditas, polo que a salgadura foi perdendo o seu auxe, sen desaparecer de todo. Abríronse vías de comunicación coa grande urbe por excelencia, Vigo, lugar de tramitación de asuntos económicos e de traslado de mercadorías para o posterior desprazamento ó resto do Estado e, se cabe, ó estranxeiro.

Tanto Vigo coma Vilagarcía e Marín, eran a porta de entrada de embarcacións procedente doutros puntos de España, pero tamén do estranxeiro. A estes lugares chegaban buques con grandes tripulacións que, ademais de traernos a súa carga, tamén nos traían as súas tradicións. Así é como, nas prazas terreñas destes núcleos, se comezaban a ver grupos de estranxeiros dunha e doutra embarcación dándolle patadas a unha vexiga inflada e cuberta de trapos; intentando metela entre dous ou tres paus, coa oposición dun rival que, ademais dos pés, tamén empregaba as mans. Así chegaba ata nós o "foot ball" ou "balompé".

Pero, que ten que ver iso con esta vila? Pois que, ó mesmo tempo que chega a industrialización, tamén chegan outras novidades. Por unha banda, os propietarios das industrias e os seus empregados nas viaxes comerciais e, pola outra, os mariñeiros que ían "botar" o peixe a Vigo, contemplaban os "matchs" [partidos] nas prazas e explanadas da cidade e tentaban emulalos no seu tempo libre, de volta na vila.

Acaba de chegar a Bueu o deporte do "Foot-ball" (hoxe fútbol), formándose varios equipos a finais da primeira década do século XX, que disputaban os seus encontros amigables no terreo de xogo que non era outro que a explanada de area, que ininterrompidamente configuraba toda a fronte costeira de Bueu: desde Pescadoira á Riquisa (a carón do Penedo da Banda do Río).

No ano 1920, xa xogaban algúns deses equipos de afeccionados, incluso con equipamento, sinal de que a cousa xa se estaba fraguando. E empezábanse a xogar partidos amigables contra equipos da contorna (Beluso, Cangas, Marín etc.), ademais das rivalidades entre os equipos locais.

Esta febre polo deporte do balompé levou a un grupo de veciños, economicamente acomodados uns, e afeccionados do novo deporte outros, a tentar conseguir que se construíse un lugar de xogo axeitado. E, con posterioridade, a participación na liga federada, da que xa formaban parte outros equipos próximos.

Acaba de nacer o xerme do fútbol en Bueu, pois xa desde comezos do ano 1927, xa se reúnen veciños, inician os trámites, tanto económicos coma materiais, e a través dos socios (250 no primeiro mes), achegas económicas de algúns veciños, actividades sociais (carreiras de cintas, festivais e actuacións teatrais e musicais) e colaboracións coa man de obra. O 13 de xullo de 1927, constitúese a Sociedad Deportiva Bueu Fútbol Club, que se da a coñecer socialmente, tanto a nivel local coma ás asociacións de emigrantes deste pobo no estranxeiro.

Alúganse uns terreos e constrúese un terreo de xogo, que sería inaugurado o día 1 de xaneiro de 1928, terreo situado a carón do Camiño á Igrexa (hoxe Ramón Bares, cruce á rúa da Pedra) e que tería por nome o da zona. Así nacería o campo de Corredoiras, primeiro campo de fútbol na parroquia de Bueu.

O campo foi inaugurado cun partido disputado entre os equipos Alfonso XIII e Eiriña, que posteriormente se unirían a formarían o equipo do Pontevedra C.F. Gañando o partido o Alfonso XIII por 3-2, levándose o trofeo en liza.

Xa co terreo de xogo montado, non sen moitos apuros económicos e outros problemas para a consecución e mantemento do mesmo, o que cabía conseguir agora era un equipo que puidera representarnos oficialmente.

Nun principio concertábanse, por parte da directiva, encontros neste campo co equipos de outros lugares, que disputaban encontros amigables ou trofeos organizados, xeralmente cedidos por industriais do pobo, como é o caso da Copa Bueu e Copa Gaspar Massó.

No ano 1928 xa se configurara un equipo cunha selección dos mellores xogadores locais, escollidos dos que participaron nun partido no campo de Corredoiras contra o Lancia de Vigo, e que disputarían o seu primeiro encontro o día 6 de maio de 1928 no campo do Couto, contra a Cultural Plus Ultra de Beluso, que remataría con empate a un gol. A semana seguinte xogaríase a volta no Campo de Corredoiras. Continúa o equipo a participar en encontros amigables e en trofeos organizados polo clube, para xa no ano 1929 participar oficialmente na liga federad. Foi admitido na Federación Galega de Fútbol, participando na Serie C galega, nomeándose capitán do equipo a don José García Cao-Cordido "Pepe da Botica".

Como curiosidade, cabe destacar que neste ano 1929 había federados en Galicia soamente 24 equipos, 6 deles na serie A, 10 na serie B e 8 na serie C. Nesta última, na que participaba o Bueu, estaba configurada ademais polo Compostela S.C., o Santiago F.C., o Caballino S.C., o Alondras F.C., o Moaña F.C., a Cultural Plus-Ultra de Beluso e o Ciosvín F.C. de Vigo. O grupo sur, xunto co Bueu, estaba integrado ademais polo Alondras, o Ciosvín, o Beluso e o Moaña. Quedando o Bueu de penúltimo con 3 puntos por enriba do Beluso con 2.

Segue a traxectoria deste equipo ata outubro de 1931, que quizás polas circunstancias políticas do momento (2ª República), a falta de público no campo imposibilita o pago do excesivo custo do aluguer dos terreos para o campo e a baixa en número de socios fai imposible o pago os xogadores oriundos que acaban índose a outros equipos. A falla de partidos por non dispor de cartos para pagar desprazamentos e árbitros desmoraliza ós xogadores locais, optando a directiva por dar como concluída esta etapa, entregar os terreos ós seus donos, e desaparecer desta andaina en outubro de 1931.

Trala Guerra Civil, e despois dun paréntese sen actividade futbolística, que se teña constancia, volve nos anos 40 a formarse algún que outro equipo en Bueu, tanto nesta parroquia como na de Beluso, e por iso dispútase algún que outro amigable, entre xogadores que se identificaban como o Bueu, e xogaban contra o Beluso e outros equipos da contorna. Xogaban os partidos como locais no campo de Mourisca nun principio, e no da Rúa Nova posteriormente, para pasar nos anos 50 a disputalos no Campo da Feira, no centro de Bueu. Nestas case tres décadas, non existiu equipo federado nin existía Club, era un grupo de amigos que xogaban partidos por amor ao Deporte.

En abril de 1959, volve refundirse a Sociedade Deportiva Bueu F.C., que coa construción, nesta ocasión por parte do Concello, dun terreo de xogo no centro do pobo, retoma a súa actividade futbolística como equipo federado. O terreo de xogo, denominado campo da Estacada, foi inaugurado en maio de 1959 e nel disputaba todo os seus encontros como local o equipo da S.D.Bueu F.C., que seguiu a súa andaina, alcanzando en anos posteriores quedar campión da Terceira División e acadar a consecución da Copa de Campéon de Galicia, na tempada 1962-1963.

Posteriormente e tras o remate da tempada 1966-1967, novamente por problemas económicos a Directiva volve verse obrigada a abandonar todo, poñendo o equipo a disposición da Federación Galega de Fútbol.

Un novo grupo de seareiros, amantes do deporte do balompé, retoma as rendas do equipo, creando un novo club no ano 1967, e pasando definitivamente a chamarse Club Deportivo Bueu, que perdura ata a actualidade.

Coa desaparición posterior do campo da Estacada pasa o equipo a xogar os seus encontros como local no novo campo do Anguían, nas inmediacións do Río Bispo.

*Veciño de Bueu

Compartir el artículo

stats