Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Óscar Fuertes: "Compañeiros de moitas partes do mundo miran con envexa os nosos estaleiros tradicionais"

Considera "único" o conxunto de Casqueiro e non atopa recelos contra estas estructuras no resto de Galicia

Estado actual do estaleiro que foi queimado. // Santos Álvarez

Co incendio do estaleiro tradicional de Casqueiro todavía na mente de todos os moañeses, a Asociación Sueste programou onte -no marco da semana cultural previa á Xuntanza de Embarcacións Tradicionais- unha conferencia do arquitecto Óscar Fuertes (Ferrol, 1983). É autor dunha tese de doutoramento titulada Las carpinterías de ribeira en Galicia: la recuperación de sus arquitecturas, na que estudou 12 estaleiros tradicionais de todo o litoral galego, entre eles o conxunto de Casqueiro e Carlagho en Moaña, o estaleiro de Purro en Bueu ou as dúas carpinterías de Domaio.

-Por que se decantou pola recuperación de carpinterías de ribeira para a tese de doutoramento?

-Son doutor de arquitectura. A finais de 2009 iniciei o traballo nun proxecto de investigación europea chamada Dorna. Se encargaba da posta en valor de embarcacións tradicionais e do patrimonio asociado. Dende a miña experiencia en arquitectura atopei as antigas carpinterías de ribeira feitas en madeira. Ahí comezou a miña paixón. Ao ver como unhas estructuras en madeira feitas por galegos continuaban en activo. Dende o 2010 comecei a estudar esta tipoloxía.

-Que opina un investigador na materia coma vostede sobre o incendio do estaleiro de Casqueiro de xuño?

-Dende a miña opinión, creo que o conxunto de estaleiros de Casqueiro é único a nivel galego, e polo tanto a nivel mundial. Se catalogou iso como un atentado e eu sinto o mesmo. É unha perda enorme. Non irreparable, porque temos que loitar por que continúe e reconstruílo, porque forma parte da memoria histórica dunha vila como a de Moaña.

-Atopou noutras zonas de Galicia este recelo da xente a estaleiros tradicionais?

-Teño que ser sincero: Non o atopei. Non coñezo ao cen por cen por que pasa isto en Moaña, pero non o entendo, ademais de que non o comparto. Noutras partes atopei todo o contrario. Eu fixen un curso de doutoramento en Londres e levaba o que era para min o noso valor como galegos. Compañeiros meus de moitas partes do mundo miraban con envexa estas edificacións. Sempre atopei mostras de cariño e apoio. Ás veces os carpinteiros de ribeira eran recelosos, e me dicían que o que eles querían facer era barcos. Pero entendían que eu resaltara o valor desas edificacións. Non só é patrimonio o que está feito en pedra. O que está feito en madeira tamén o é.

-Os galegos estamos moi atrasados con respecto a outros países europeos no eido da posta en valor do noso patrimonio marítimo?

-Hai exemplos de rehabilitación de patrimonio marítimo na nosa costa que son dignos de mención, como no caso de conserveiras. Non hai que xeralizar. Pero si particularizamos nas carpinterías de ribeira, temos unha débeda. Hai que continuar. Creo que o que temos que facer é continuar apostando por un tema que é patrimonio. E non só porque a edificación estea ahí, senón porque forma parte dun traballo que continúa activo. Non hai que esquecerse que se continúan construíndo barcos de madeira, ademáis de saberes adxacentes como as técnicas de construcción ou cantigas arredor desta actividade. En localidades como Bueu se levan a cabo labores de posta en valor. Moaña é pioneira nesa loita, grazas tamén ao traballo de Sueste.

-En Bueu, no caso do chamado Estaleiro de Purro, está previsto que comecen este mes as obras de rehabilitación. Como percibiu todo o proceso?

-Véñenme á cabeza colectivos como Os Galos. É un proceso que se leva loitando dende o propio pobo, e iso é o bonito. A posta en valor parte case dunha iniciativa popular. Despois todas as administracións se suman, como ten que ser. Nestes últimos anos tiveron apoio. Primeiro foi inventariado pola Xunta, despois fixeron concursos de proxectos de arquitectos e o último foi conseguir o financiamento. A verdade é que estou con ganas de ver xa finalizada esta rehabilitación.

Compartir el artículo

stats