Son catro as esculturas que decoran o paseo de Cangas, todas elas relacionadas co mar. Onte levouse a cabo o acto no que o alcalde, Xosé Manuel Pazos, e o representante dos artistas, Henrique Prado, descubriron as pezas artísticas.

"Muller oiteando o mar", "O mar, o camiño", "Mediterráneo" e "Muller do Morrazo" son as catro esculturas que poden contemplarse en Rodeira, cada unha delas de escultores diferentes pero todas con temática centrada no mar.

"Por fin levouse a cabo un dos meus soños", afirmaba Prado. O escultor foi o que ideou este proxecto que creou un paseo das esculturas para o gozo dos veciños e visitantes. Pazos apoiou a idea e asegurou que lle produce "unha grandísima satisfación como alcalde e veciño". Afirmou que é un proxecto que "nace para aumentar" e está aberto a todos os artistas que queiran. Espera poder contar con máis esculturas que sigan convertindo Cangas nunha verdadeira mostra de arte.