Moaña aposta pola promoción de novos eventos culturais coa primeira edición do Festival de Jazz que se celebrará o día 14 de agosto pola noite, na Arboreda da Xunqueira. As bandas participantes son Dani Font Trío e Iago Fernández Quartet e convidados, e o evento rematará cunha "jam session".

Esta primeira edición do Festival de Jazz de Moaña naceu da man do colectivo socio cultural A Ghudalla en colaboración co Concello. Foi o grupo o que lle plantexou a idea ao goberno local e "aceptamos ao momento", afirma a edil de Turismo, Coral Ríos. Trátase dunha idea innovadora para a localidade coa que buscan crear demanda e aspirar a algo moito máis grande nos próximos anos.

Nesta primeira edición contarase cun día de concertos coa intención de, en futuras edicións, "ampliar o formato con distintas actividades que acheguen esta música tanto a oíntes como a futuros músicos", destacan os representantes do colectivo A Ghudalla.

O evento dará comezo co conxunto Dani Font Trío, que veñen de actuar en algúns dos mellores festivais galegos como o Pontejazz ou o Nigranjazz. Está composto por Dani Font na guitarra, Alex Touceda no contrabaixo e David Puime na batería.

Tomarán o relevo ás 22:45 Iago Fernández Quartet e convidados. O baterista cangués está moi activo na escena nacional e europea e conta cunha importante proxección internacional. Ven de grabar o seu terceiro álbum, "Brisa", liderando a un cuarteto de luxo formado por Enrique Oliver, Wilfried Wilde e Demian Caboud, encargados do saxo tenor, a guitarra e o contrabaixo. Xunto a eles actuarán uns convidados moi especiais, os portugueses Zé Pedro e Leonor Arnaut e o pianista cangués Xan Campos.

O festival rematará cunha "jam session" á media noite na mesma Arboreda da Xunqueira. O grupo encargado dela estará formado por Xan Campos e o seu piano, Fernando Sánchez no contrabaixo e Emilio Atanes na batería.