A décima edición do Festival Internacional de Curtas de Bueu comezará o 9 de setembro cunha ampla variedade de actividades e a novidade da coprodución que leva a cabo dende este ano con Portugal. A xornada inaugural será no Centro Social do Mar cun concerto de bandas sonoras a cargo da Banda de Música Artística.

As seguintes actividades centraranse na productora pontevedresa de carácter republicano Folk. O profesor José Luis Castro de Paz fará a presentación "Noticiario Folk nº1" e, a continuación, proxectarase "O cine republicano en Galicia: Ramón Barrereiro e o Noticiario Folk". O domingo visionarase a película "Vértigo" de Hitchcock que será analizada polo mesmo Castro de Paz.

As conferencias seguen o día 16 no Museo Massó da man de Concepción Carcajosa, que analizará o auxe actual das series televisivas en "Vivindo en serie. A ficción televisiva no mundo en que vivimos". Na mesma xornada impartirase a masterclass "Galicia e Portugal, producir cinema entre os dous lados da fronteira" a cargo do director do Festival Avanca e membro do xurado do FIC, António Costa.